A Real Filharmonía de Galicia estrea unha composición do nigranés Aaron Siebert

A Real Filharmonía de Galicia vai celebrar o seu concerto semanal este xoves, día 26, no Auditorio de Galicia, ás 20:30 horas. A batuta levaraa o seu director titular e artístico, o Mestre Paul Daniel. Como todos os concertos da tempada, poderase seguir en directo por streaming a través da canle de Youtube e do Facebook da RFG.

Baixo o título “Paxaros e orquestra”, o concerto comezará coa estrea da obra “Memorias dun neno labrego” do compositor de Nigrán asentado en Nova York Aaron Siebert (1996), realizada por encargo da Real Filharmonía de Galicia, dentro da súa aposta polos compositores noveis da comunidade.

Inspirada na novela homónima de Xosé Neira Vilas, “é unha obra que se nutre das raíces musicais e culturais galegas para plasmar a miña visión persoal de Galicia vinculada ao mundo reflectido na devandita novela. A dramatización musical da vida de Balbino, o seu protagonista, céntrase no carácter único da súa inocencia: unha inocencia anciá, que funde infancia e vellez a través dun certo realismo máxico. Esta dicotomía é un alicerce central da miña visión da identidade de Galicia” -explica o autor-.

“Quizais teña algo que ver con esta conexión especial que sinto con Memorias dun neno labrego o feito de escribir sobre Galicia desde fóra, desde América, como o fixo no seu momento Neira Vilas. A vida de Balbino é tamén a vida da miña nai, dos meus avós e da Galicia de raíces pagás que tiven o privilexio de coñecer a través da xente maior coa que crecín” -indica Siebert-.

O compositor sinala que a obra é “música lírica, centrada na beleza da disonancia nas distintas familias da orquestra, estruturada en varias ondas de tensión que nacen de alalás e muiñeiras, gaitas e zanfonas, entretexidas e reinventadas en texturas orquestrais que culminan nun clímax que simboliza o renacer final de Balbino como adulto”.