O servizo de Hematoloxía do Chuvi xa cumpre todos os criterios para iniciar as novas terapias oncolóxicas

O servizo de Hematoloxía da Área Sanitaria de Vigo cumpre coas esixencias requiridas para conseguir a autorización do Ministerio de Sanidad para iniciar as novas terapias oncolóxicas CAR-T. Así, esta semana deron un paso máis coa realización dun curso de formación específico nos novos tratamentos, no que participaron 30 profesionais sanitarios, médicos e persoal de enfermaría das especialidades implicadas.

Segundo explica a xefa do servizo de Hematoloxía, Carmen Albo, “o hospital traballa en conxunto, dende hai dous anos, cara á conseguir esta autorización e que terminará coa necesidade que supón derivar os nosos pacientes cara os 10 hospitais españois habilitados para utilizar estas terapias, ningún deles de Galicia. A devandita autorización redundará nunha maior equidade na utilización destas terapias”.

Nestes momentos, o hospital Álvaro Cunqueiro está preparado e capacitado para incorporar estas técnicas a súa carteira de servizos, tanto desde o punto de vista estrutural como dotacional e de capacitación e cualificación dos seus profesionais “hai anos que viñemos realizando procedementos de igual o maior complexidade, como o transplante aloxénico de medula, cos máximos criterios de calidade, e temos actualmente un equipo multidisciplinar formado neste novo avance tecnolóxico”, asegura a doutora Albo.

O curso foi impartido polo Grupo multidisciplinar das terapias CAR-T -integrado, entre outros, por profesionais dos servizos de Hematoloxía, Farmacia, Neuroloxía, e Medicina Intensiva- e creado o pasado ano para valorar a indicación destes tratamentos en determinados pacientes, que teñen que ser derivados aos centros habilitados polo Ministerio de Sanidad fóra da comunidade galega. Nos últimos 2 anos, o Chuvi derivou 8 pacientes.

Inmunoterapias de vangarda

As terapias CAR-T constitúen os tratamentos máis avanzados contra o cáncer. Baséanse na modificación xenética de células do sistema inmunitario do propio paciente, para que estas células poidan ser capaces de recoñecer as células tumorais e destruílas.

Están aprobados actualmente no tratamento das leucemias agudas linfoblásticas e linfomas B. Pero, proximamente, se aprobará o seu uso clínico noutras patoloxías como o mieloma, a leucemia linfática crónica ou linfomas T, e nun futuro tamén se utilizarán en órganos sólidos (cánceres de páncreas, pulmón…).

“Esta nova oferta terapéutica nos situará a vangarda da loita contra o cáncer e suporá un gran salto cualitativo na atención aos nosos pacientes, que xa non terán que desprazarse a centros sanitarios de fóra de Galicia para recibir este tipo de terapias”.