O comercio local de Gondomar acolle a exposición fotográfica “Defensoras. Sementes de Cambio”

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, inaugurou esta mañá a exposición fotográfica “Defensoras. Sementes de Cambio”, xunto coa deputada provincial Victoria Alonso, e a representante da Coordinadora Galega de ONGD, María Paz. A mostra quere facer chegar aos cidadáns o traballo que desde o ano 2010 veñen realizando as integrantes da Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras dos Dereitos Humanos, protexendo a miles de mulleres que sofren a diario a discriminación e a violencia polo simple feito de ser mulleres.

Con esta iniciativa, promovida pola coordinadora Galega de ONGD e a Deputación provincial de Pontevedra, búscase a máxima implicación da sociedade e neste caso en concreto do pequeno comercio, que durante un mes, converterase no “museo” que acollerá a exposición. Nun xesto por axudar tamén a un sector moi golpeado pola pandemia, únense sinerxias, e nos escaparates de dez locais poderanse ver os retratos das mulleres que loitan diariamente porque se cumpran os dereitos humanos en países como Honduras, Guatemala, O Salvador, México e Nicaragua.

Paco Ferreira agradeceu a disposición do comercio de Gondomar pola súa implicación e axuda á hora de “amosar esta realidade, esta anacrónica e paupérrima maneira de convivencia e de maltrato ás mulleres, a flagrante vulneración dos dereitos máis intrínsecos do ser humano” e engadiu que “queremos que a veciñanza de Gondomar, o conxunto do noso país e do mundo enteiro, visualice sen cancelas, sen estereotipos, sen fronteiras, unha realidade insólita e inaceptable na sociedade actual”.

Na mesma liña pronunciouse a deputada Victoria Alonso quen agradeceu “o traballo que se realiza desde a Coordinadora Galega de ONGD para visibilizar o traballo destas defensoras dos dereitos que non se deben arrebatar a ninguén”. Así mesmo subliñou a boa disposición do Concello de Gondomar e o seu goberno a sumarse a iniciativas deste tipo nun claro exemplo “de que estamos ante un concello feminista, que sempre está disposto cando se trata de defender os dereitos das mulleres”.

Pola súa banda, María Paz, representante da Coordinadora, explicou que con esta exposición “queremos poñer en valor o traballo destas mulleres, as “defensoras”, visibilizalo e recoñecelo porque a súa loita é a nosa”. Destacou o retroceso que no ámbito da defensa dos dereitos humanos supuxo a pandemia da Covid19 polo feito dos confinamentos, “o que se traduxo nun importante crecemento nas detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio e a represión”.

En total poderase coñecer a historia de dez destas mulleres, que se expoñerán noutros tantos comercios de Gondomar: Chupipostres, Cerámicas Roymara, Mercería Barrosiña, Heborístería Bambú, Puntadas non Aire, Papadolce, Autoservicio Loureana, Café O Tranvía, Farmacia Abizanda e Parafarmacia Sousa.

A mostra, que permanecerá no concello ata o 20 de decembro, que tamén se poderá consultar na web galiciasolidaria.org, é unha adaptación da campaña de IM- Defensoras que, baixo o nome ”Defensoras. Sementes de Cambio” ten como obxectivo homenaxear a máis de 2000 mulleres que defenden os dereitos humanos, articuladas en Mesoamérica ao redor desta organización.

Estudantes, periodistas, agricultoras, sindicalistas, artistas, amas de casa… todas teñen o seu espazo porque como nos lembran no seu manifesto, que leron no acto concelleiras do goberno local, son “as que perderon o medo ao medo, e por iso xa non acatan mandatos, roles impostos ou ameazas ou coaccións”; “elas son as sementes de cambio, labradoras de esperanza, sembradoras de vida, tecedoras de futuro”.