O PP acusa a Paco Ferreira de volver mentir para non facer as obras na Ponte das Ánimas

FOTO: PATRIMONIOGALEGO.NET // Ponte das Ánimas.

No mes de agosto o Concello de Gondomar solicitou á Deputación Provincial a desistencia de dúas subvencións concedidas para as obras de “Recuperación e posta en valor da Ponte das Ánimas e da súa contorna” e “Anexo recuperación Ponte das Ánimas”, que foron aceptadas polo organismo provincial o pasado mes de setembro. O argumento que usou o alcalde foi “motivada esta desistencia no feito de non ter obtido autorización sectorial favorable do Servizo de Patrimonio da Xunta de Galicia”.

Desde o Partido Popular de Gondomar afirman que o Concello conta co permiso de Patrimonio para a primeira das obras dende o pasado 4 de xaneiro de 2016 e para a segunda obra foi solicitado o 5 de xuño de 2020 e concedida o 10 de setembro deste mesmo ano. “Polo tanto é mentira que non existise permiso de patrimonio, o alcalde volve a mentir para xustificarse”, afirma Paula Bouzós.

Segundo denuncian os populares, esta non é a primeira vez que o alcalde usa un motivo falso para xustificar unha desistencia dunha subvención, o mesmo fixo o ano pasado coa obra de Mellora de accesibilidade na casa consistorial. “Nun primeiro momento argumentou a falla de autorización de Patrimonio sendo coñecedor de que si estaba concedida, e cando foi preguntado no pleno polo Partido Popular unha vez rematada a obra, cambiou por decreto o motivo da desistencia que non era outro que o non acordo cos propietarios lindeiros para a colocación da pasarela de acceso á Casa do Concello, cousa que aproveitou para cambiar e acomodar o seu despacho”.

O Partido Popular tamén se pregunta que vai pasar cos contratos de obra de Recuperación e Posta en Valor da Ponte das Animas que xa foran adxudicados en xullo do pasado ano 2019 á empresa Prace Servicios e Obras por 40.709,39 €, a dirección de obra adxudicada a Antonio Soliño por importe de 1.815,00 € e a coordinación de seguridade e saúde adxudicada a Iván Martínez por importe de 1.452,00 €.

“Unha vez máis o alcalde minte descaradamente para xustificar a súa decisión de non acometer obras xa adxudicadas, e polas que se pagaron proxectos e se fixeron trámites administrativos en vano. Isto demostra a falta de planificación e programación e o goberno por impulsos e improvisación”, asegura Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.