Baiona repón as dúas fotografías “desaparecidas” da exposición “Corpos, Feminismo e Territorio”

A Secretaría Xeral de Igualdade que dirixe Susana López Abella mostra ao Concello de Baiona a súa “preocupación” pola localización elixida para a instalación da exposición “Corpos, Feminismo e Territorio” a través dun escrito remitido a semana pasada ao alcalde, Carlos Gómez, e que este desatendeu e ignorou, segundo denuncian desde o Partido Popular.

Pola contra, a Deputación, á que o grupo municipal popular tamén puxo en coñecemento sobre o malestar xerado por esta mostra, non emitiu contestación algunha. É máis, indican desde o PP, o Concello “non só non a retirou do hall do edificio municipal tal e como lle reclamamos senón que repuxo as dúas fotografías supostamente perdidas”.

Para os populares, isto supón unha nova “provocación” cara aos veciños e veciñas por parte do goberno local, “que volve fomentar a polémica en Baiona en lugar de ser responsables e escoitar as queixas dos cidadáns para evitar ferir sensibilidades”.