Os hostaleiros do Val Miñor piden a exención de taxas e impostos municipais

Despois das concentracións que levaron a cabo diante de cada Concello e que tiveron como punto de unión a Ponte da Ramallosa, o día 10 de novembro, ante as medidas drásticas tomadas pola Xunta, dirixidas ao sector da hostalería e como medida de control, debido ao incremento dos contaxios por COVID-19, esta mañá tivo lugar no campo de fútbol de Monte Lourido (Praia América) unha reunión da hostalería de todo o Val Miñor.

Máis de medio centenar de hostaleiros, acompañados pola Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor (OVALMI), valoraron a situación actual da hostalería na comarca, así como as medidas e actuacións concretas a desempeñar.

Coa publicación o 4 de novembro de 2020, do decreto 179/2020, a Xunta tomaba a decisión do peche da hostalería en 60 concellos de Galicia co fin de frear o avance do COVID-19, con esta medida está a “criminalizarse” a un sector duramente castigado durante toda esta pandemia, que se viu seriamente prexudicado economicamente, debido ao recorte de horarios, aforo, medidas a implantar, etc.

Despois de case 15 días de peche do sector hostaleiro o pico de contaxios non descendeu, o que recalca unha realidade que parece esquecida, que a hostalería non é a causante do incremento da taxa de contaxiados, segundo datos estatísticos proporcionados polas autoridades sanitarias a incidencia de contaxios procedentes da hostalería é inferior a un 4%, demostrando que este peche non corresponde con datos sanitarios imparciais.

A hostalería atópase ante unha gran incerteza, xa que se descoñece cando será a súa apertura, as medidas necesarias a tomar ou as restricións polas que se verán afectados, por esta razón piden claridade aos organismos públicos. Desta reunión saíu unha comisión xestora que se encargará de dirixir e transmitir todas as medidas e problemáticas detectadas aos organismos pertinentes (Xunta, Concellos, Deputación…).

Dentro das medidas acordadas podemos destacar a petición aos Concellos do Val Miñor da exención de taxas e impostos para os exercicios 2020 e 2021 (lixo, auga, terrazas, IBI…). Á súa vez, solicitan unha partida económica onde se recollan axudas directas para o sector hostaleiro.

Así mesmo, detectáronse problemas cos traballadores contratados despois do 18 de marzo de 2020, xa que non terían dereito a acollerse aos ERTEs, regulados por Lei, deixando a innumerables familias sen ningún tipo de ingreso durante un período de tempo indeterminado, esta situación será transmitida ás institucións pertinentes, para que se poida corrixir, xa que non podemos esquecer que o sector hostaleiro, durante a tempada de verán, rexistra un elevado número de contratacións, que non estarían recollidas dentro da posibilidade de acollerse a devanditos ERTEs. Outra medida que se barallou é a vía legal, vistos antecedentes recentes.

O sector hostaleiro demanda un levantamento do toque de queda, xa que a nivel económico o peche decretado prexudícaos aínda máis. Tamén manifestan que o organigrama deste sector tanto laboral como organizativo, é distinto a calquera outro sector, tendo en conta que necesitan ter coñecemento con antelación dos posibles peches e restricións, para facer un plan de prevención tanto laboral como económico.

Así mesmo, consideran que debería existir unha revisión constante do número de contaxios que se producen en cada concello, permitindo a mobilidade da liña dos peches perimetrais, así como das restricións que afectan o sector dependendo da cor do “semáforo COVID”.