Nigrán ofrece a música e todas as súas actividades deportivas municipais en streaming

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN // Escola de Música.

O Concello de Nigrán ofrecerá desde esta semana en streaming (retransmisión telemática en directo) todas as súas actividades deportivas municipais ante a petición dos propios usuarios (ioga, ximnasia de mantemento, aerobic-step, taichi, taekwondo, pilates e zumba), tal e como xa fai con música desde o inicio das novas restricións. Quedan excluídas as dirixidas á terceira idade ao non estar afeitos a gran maioría ao emprego das novas tecnoloxías.

O Concello investiu 500 euros na compra de dúas webcams de alta calidade cos seus respectivos trípodes, habilitando para elo unha das salas do Pavillón Municipal de Panxón. O obxectivo é que o sistema quede establecido xa para todos os posibles períodos onde se decreten restricións sanitarias que impidan desenvolver a actividade de xeito presencial.