Ambulancias do Atlántico ordénalle aos técnicos trasladar pacientes na parte dianteira dos vehículos

Ambulancias do Atlántico, concesionaria do servizo de transporte sanitario programado (non urxente) da área sanitaria sur, vén de emitir unha orde mediante a que obriga os técnicos/as a ter que trasladar pacientes na parte dianteira dos vehículos. Dende a FGAMT-CIG denuncian que esta medida incumpre algúns aspectos da lei de transporte sanitario e contradí a avaliación de riscos laborais, ademais de non garantir as medidas de protección fronte á Covid.

Dende a representación da CIG no comité de empresa de Ambulancias do Atlántico lembran que dende o inicio da pandemia do novo coronavirus todo o persoal deixara de transportar doentes na cabina de condución, aínda que con anterioridade xa había técnicos/as que non o facían por cuestións de seguridade, tal e como establece a avaliación de riscos laborais. Neste senso, sinalan que as superficies da parte dianteira -maioritariamente de tela- non son as máis axeitadas para unha correcta desinfección.

Ademais, inciden en que deste xeito non se respecta a intimidade dos pacientes. “Levamos información súa nunha PDA que está á vista, polo que se viaxan persoas canda nós non se garante a confidencialidade”.

En consecuencia, a central porá esta cuestión en coñecemento da Axencia de Protección de Datos. Como tampouco se garante a intimidade das persoas que viaxan diante xa que os cristais dianteiros non están tintados, “e calquera pode ver dende fóra quen vai dentro”.

Ao mesmo tempo, critican que con esta decisión as ambulancias “van parecer pateiras”. “Como algunhas das sete prazas da parte traseira van moitas veces ocupadas con padiolas ou cadeiras de rodas o que pretenden é encher tamén a parte de adiante; non hai que esquecer que estamos a falar de persoas, polo que hai que garantir que viaxen nunhas condicións dignas, e isto pasa por que o fagan na zona asistencial, que é a traseira”.

Medidas de protección

Por todo isto, comunicaranlle a medida que vén de adoptar a empresa ao Sergas coa intención de que a deixe sen efecto, “sobre todo tendo en conta que no contexto actual de alarma sanitaria faise máis necesario ca nunca cumprir as medidas de protección para evitar contaxios, e deste xeito non se fai”.

Ambulancias do Atlántico, con sede en Mos e cun cadro de persoal de 115 persoas, encárgase do transporte programado (non urxente) en boa parte dos concellos do sur da provincia de Pontevedra.