O PP critica que Gondomar adxudique ás asociacións “a menor cantidade en subvencións en décadas”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Paula Bouzós.

O Concello de Gondomar vén de adxudicar as subvencións de concorrencia competitiva deste ano 2020 por un importe total de 34.400€, segundo o Partido Popular, a cantidade máis baixa dos últimos anos, chegando soamente ao 57% do adxudicado no ano 2019. “Este ano que se deberían primar as accións sociais, debido á situación de necesidade que están pasando todos os veciños pola pandemia que estamos a sufrir, a cantidade destinada a fins sociais baixou un 91%, pasando dos 16.000€ adxudicados o ano pasado aos 1.500€ deste ano.

Para Paula Bouzós, todo isto é debido en parte, á modificación das bases das diferentes convocatorias segundo as cales, cada entidade só puido concorrer a un tipo de subvención, a pesar de que hai moitas entidades de Gondomar que atenden a varios fins, como son a cultura, os deportes e os fins sociais. Así unha entidade que desenvolva actividades culturais, deportivas e sociais, soamente puido concorrer a unha delas, coa perda de subvencións que podería acadar por estas actividades. “Como as subvencións son para gastos xa efectuados, moitas entidades tiñan realizado actividades coas que xa contaba que ían ser subvencionables e agora atopáronse con que non puideron optar as mesmas”.

Pero non é este o único motivo segundo a voceira do PP, tamén se reduciron as cantidades que con respecto ao ano pasado van recibir os centros culturais, asociacións de veciños e clubs deportivos, entre outras entidades, por actividades propias dos mesmos, que nalgún dos casos viron reducida as súas cantidades en máis de 2.000€, “coa importancia que isto ten para a supervivencia e mantemento das actividades, sobre todo nas parroquias do concello”.

Nas convocatorias de subvencións decretadas polo alcalde o mes pasado o importe destinado a subvencións deste ano baixou en 8.500€ con respecto ao ano 2019, pero ademais no momento de adxudicar as mesmas, o Concello aumentou esta diferenza ata os 25.100€ menos repartidos este ano en subvencións.

A voceira do Partido Popular de Gondomar manifestou que xa pediu por rexistro a copia das actas das Comisións de Valoración das Subvencións de concorrencia competitiva para analizar os motivos desta baixada nos importes das subvencións e vai presentar unha moción ao pleno para solicitar ao concello que aumente o importe das subvencións ás entidades beneficiarias en proporción ás cantidades asignadas, ata o esgotamento das partidas consignadas nas convocatorias das mesmas.

“De todos é sabido a importancia que teñen estas subvencións para as entidades culturais, deportivas e sociais que desenvolven as súas actividades en Gondomar e con esta redución tan drástica nas cantidades que cada unha delas vai recibir este ano ven perigar o seu sostemento, sobre todo nestes momentos tan duros que estamos atravesando. En lugar de axudar máis a estas entidades que fan un gran esforzo, sobre todo nas parroquias levando ás mesmas a cultura e o deporte e facendo un gran traballo social, o que fai este goberno é poñer cada vez máis atrancos. Pedimos ao Sr. Alcalde de Gondomar que recapacite e faga unha nova convocatoria das comisións de valoración para proceder a unha mellora e mais axeitada adxudicación das subvencións e que estas que redunden en beneficio de todas as entidades do concello”, remata dicindo Paula Bouzós, voceira do Partido Popular de Gondomar.