A Área Sanitaria de Vigo reduce un 30% o uso inadecuado de antibióticos

A Área Sanitaria de Vigo conseguiu reducir o uso global dos antibióticos nun 30% nos últimos cinco anos. É a porcentaxe que manexan os membros do Grupo PROA (Programa de Optimización do Uso dos Antimicrobiáns), integrado por médicos e farmacéuticos de atención primaria e hospitalaria.

Hoxe celébrase o Día Europeo do Uso Prudente dos Antibióticos e a mensaxe que quere transmitir o equipo de antibióticos, é a concienciación, tanto aos prescritores como á poboación xeral, de que na maioría das infeccións respiratorias (catarros, rinite, gripe, COVID-19), non é necesario tomar antibióticos. Estas infeccións están causadas por virus e o tratamento antibiótico non mellora a evolución, asóciase a máis efectos secundarios e favorece o desenvolvemento de resistencias bacterianas. O lema é: “Non tomes antibióticos para infeccións virais”.

De feito, durante a pandemia a área Sanitaria de Vigo conseguiu reducir o uso de antibióticos un 13%. Sábese que unicamente entre un 3 e un 5% dos pacientes con COVID-19 que precisan ingreso, presentan unha sobreinfección bacteriana. Coas analíticas e cos cultivos o equipo dispón de datos que axudan a detectar a aqueles pacientes que se beneficiarán de antibióticos. Desta forma, ao reducir o seu uso nos pacientes coa COVID-19 hospitalizados, non se rexistrou ningunha infección por bacterias multirresistentes entre eles.

O Grupo PROA da Área Sanitaria de Vigo elaborou diferentes guías de tratamento que axudan á facultativos da área a elixir o mellor antibiótico en cada situación. Ademais, leváronse a cabo diferentes cursos, sesións clínicas e asesorías antibióticas co fin de mellorar as habilidades de prescrición. As guías revísanse e actualizan periodicamente, tendo en conta a información microbiolóxica da área e as recomendacións internacionais.

“Analizando os datos de pacientes da área, observouse unha mellor evolución dos mesmos cando se seguen estas recomendacións. Ademais, viuse unha redución dos illamentos hospitalarios por bacterias multirresistentes”, explica a doutora María Teresa Pérez, da Unidade de Enfermidades Infecciosas do servizo de Medicina Interna do Chuvi.

Melloría nos prognósticos

Outra vertente da actividade PROA da Área Sanitaria de Vigo é o programa de bacteriemia (presenza de bacterias no torrente sanguíneo). Diariamente revísanse todos os cultivos positivos de sangue, así como o tratamento que reciben os pacientes. De identificarse algún punto de mellora contáctase co facultativo responsable ou, ás veces, co propio paciente.

Isto permitiu mellorar o prognóstico dos pacientes cunha redución do 50% de mortalidade, nalgúns patóxenos (como Staphylococcus aureus) e en determinadas infeccións como as endocardites (infeccións das válvulas do corazón). Tamén se observou que cando se seguen as recomendacións, a aparición de infeccións por bacterias multirresistentes nos meses seguintes á bacteriemia redúcese un 50%.

Ademais do importante impacto na poboación xeral, o traballo realizado polo equipo PROA achegou información ao coñecemento científico con 7 publicacións en revistas nacionais e internacionais nos últimos anos e con múltiples comunicacións a congresos. Unha destas, recibiu o premio á mellor comunicación na xornada de farmacéuticos de atención primaria de Galicia en 2019.