O PP de Nigrán presentará no próximo pleno do día 30 de novembro unha moción para instar o goberno municipal a devolver as taxas, de forma proporcional, á actividade restrinxida pola pandemia. A diferenza de moitos Concellos de Galicia, nos que xa se levaron a cabo reducións das taxas aos sectores afectados polas restricións impostas con motivo da pandemia, só reduciuse a taxa de terrazas para a hostalería nun 75%.
Pero hai máis de 600 contribuíntes que durante a pandemia viron reducida a súa actividade dunha forma notable, debido a “causas alleas ao suxeito pasivo” polo que a lei determina que deben ser devoltos os impostos de forma proporcional á vez que se viron afectados. O pasado 20 de outubro o Congreso dos Deputados aprobou a suspensión das regras fiscais para os anos 2020 e 2021, o que invalida para os populares calquera escusa administrativa ou orzamentaria para poñer en marcha esta medida.
O que se propón é devolver as taxas recadadas polos conceptos de Lixo, Auga, Saneamento, Concesións Públicas e Imposto de rodaxe de vehículos (só para os taxis), de acordo coa redución de actividade por peche ou limitacións de aforo. “Para as arcas do Concello non supón un impacto considerable e contribuirá a aliviar en algo as economías das familias afectadas cando, ademais, constitúe un dereito destes contribuíntes”, afirma Carlos Abal, portavoz do PP.

