Gondomar desenvolve un ciclo de conferencias sobre as preocupacións da mocidade

Por segundo ano consecutivo o Concello de Gondomar, a través da Concellería de Xuventude, dirixida por Nuria Lameiro, pon en marcha nos meses de novembro e decembro o programa “Falamos”, subvencionado a través do Plan Concellos da Deputación Provincial, dirixido ás novas xeracións e as súas familias para previr e abordar os conflitos ou dúbidas aos que se teñen que enfrontar.

Como na anterior edición traballaranse diferentes áreas cos adolescentes nas clases, que se dividirán en charlas e o posterior desenvolvemento de obradoiros. Así no caso do alumnado dos dous primeiros cursos da ESO traballarase sobre a intelixencia emocional “tentando que a mocidade coñeza as súas propias emocións e aprenda a manexalas, tanto as positivas como as negativas”. Así mesmo abordaranse as novas formas de violencia, as que se exercen desde as redes, ensinando aos mozos e mozas como identificalas e evitar a súa normalización.

O alumnado de 4º e 5º da ESO participarán nas charlas tituladas “Falamos do meu futuro”, cuxo obxectivo é facilitarlles ferramentas para que saiban identificar as súas habilidades, aptitudes e coñezan as novas profesións que están a o seu alcance para que as poidan desenvolver.

A implicación das familias neste ciclo é fundamental, e do mesmo xeito que se fixo na primeira edición, prográmanse dúas charlas abertas a elas -que se publicitarán ao seu debido tempo-, onde cos pais e nais falarse sobre as súas principais preocupacións e facilitaránselles as pautas positivas a aplicar ante conflitos que adoitan xurdir nestas idades.