Comeza a tempada de lobos mariños na costa galega

A tempada de lobos mariños, ou focas, vai de finais de ano a marzo do ano seguinte, é por iso que, coa detección do primeiro lobo mariño cicento (Halichoerus grypus) na praia de Vilarrube, o pasado domingo, podemos considerar que a tempada actual 2020-2021 acaba de empezar, adiantándose á previsión doutros anos.

O lobo mariño DOQUI

Durante este verán unha femia de lobo mariño cincento, á que lle puxeron o nome de DOQUI en Caión, pasou, por primeira vez na historia coñecida, a estación estival e o outono nas nosas costas.

O primeiro caso desta tempada

O domingo día 15 foi rexistrado o primeiro lobo mariño da tempada na costa de Valdoviño, na Ría de Cedeira. Apareceu na praia de Vilarrube, sendo fotografado, o que permitiu saber que non se trataba do lobo mariño DOQUI senón dun cachorro macho de poucas semanas de lobo mariño cincento, Halichoerus grypus.

Estes cachorros proceden das colonias do Norte de Europa, posiblemente de Irlanda, son moi inexpertos e o cansazo que traen fai que baixen ás praias a descansar ou pasar a noite.

Como actuar diante da presenza dun lobo mariño?

Aínda que pensemos que nunca nos imos atopar cun lobo mariño, as posibilidades de atopalos nas praias entre Fisterra e Ribadeo, durante a tempada invernal, non é tan rara. Temos que ter conta que:

– Chegan directamente dende as colonias de cría do norte e polo tanto están moi cansos, motivo polo cal poden baixar a terra a descansar e botar unha soneca tranquilamente.

– NON ACHEGARSE para evitar molestalo ou provocar unha resposta agresiva, mantendo unha distancia prudente xa que poden responder agresivamente e mordendo.

– NON BLOQUEARLLE VÍA DE FUXIDA cara ao mar, deixándolle unha alternativa por se quere e pode marchar.

– ATAR OS CANS, se os levas pola costa, e procurar que non se acheguen ou a ataquen.

– MANTER SILENCIO, os berros e barullo provocaranlle estado de alerta.

– AVISAR canto antes ao 112 e colaborar coa Rede de Varamentos nas indicacións.

Hai que ter en conta que non todos os animais precisan ser recollidos, só aqueles feridos ou enfermos, polo tanto persisten en ficar no mesmo lugar durante días.

Temos que ter en conta que son cachorros de meses de vida e polo tanto sen medo ás novidades, mais inexpertos, que moitas veces nin saben comportarse diante das adversidades nin alimentarse ben.

A UCI de lobos mariños

A CEMMA ten instalada unha Unidade de Coidados Intensivos por se é necesario ingresar algún lobo mariño en medio artificial controlado para rehabilitación.

Rede de Varamentos de Galicia

A Rede de Varamentos de Galicia, baixo responsabilidade da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia a través do convenio subscrito coa Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños-CEMMA, que leva a cabo os traballos de asistencia e recuperación de fauna mariña ameazada.

A CEMMA é a única entidade autorizada para a participación na Rede de Varamentos de Galicia a través das autorizacións pertinentes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Xunta de Galicia, dado que as especies que manexa están protexidas. As Unidades Móbiles da CEMMA manteñen unha atención permanente dos avisos de varamentos para o caso de asistencia inmediata fronte a calquera eventualidade. Para iso conta co número activo 24 h 686 98 90 08 e coa conexión directa co teléfono de emerxencias 112 SOS Galicia.