Sin categoría

Baiona organiza un novo concurso de decoración de Nadal

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Cultura, organiza un concurso de decoración de Nadal para os establecementos do municipio. O prazo estará aberto desde hoxe, 17 de novembro, ata o vindeiro mércores 1 de decembro. O presente concurso ten por obxecto promover e incentivar a creatividade comercial de Baiona á hora de presentar os establecementos, facelos máis atractivos ao consumidor ou consumidora reforzando a imaxe dos mesmos e dinamizando o comercio no municipio.

Desde o Concello de Baiona anímase aos negocios a converterse nun referente comercial decorativo no Val Miñor. A intención é que esta actividade tamén atraia ata a vila a visitantes, veciños e veciñas co fin de gozar dunha contorna ambientada coa singular decoración que anime ás compras do Nadal. A temática dos escaparates e dos establecementos estará vinculada ás datas de Nadal, o que contribuirá a crear un ambiente festivo propio destas festas.

Desde o Concello premiarase aos negocios que, con motivo da campaña do Nadal 2020-2021 mellor engalanen as fachadas, escaparates e o interior dos seus negocios. Haberá dúas categorías de premios a repartir entre os establecementos participantes: Premio á mellor decoración (500 euros) e premio á orixinalidade e innovación (500 euros).

Poderán participar neste concurso todos os establecementos do Concello de Baiona (comercio polo miúdo, restauración, hostalería, etc.) que o soliciten formalmente na Oficina de Rexistro do Concello (necesario solicitar cita previa) ou a través da Sede Electrónica ata o mércores 1 de decembro, incluído. No caso dos asociados a Aceba, Coemsa e Ovalmi, será a propia asociación quen poderá realizar as inscricións dos seus socios que o soliciten formalmente.

A decoración da fachada e a decoración interior deberán centrarse nas festas do Nadal e manterse como mínimo desde o día 5 de decembro ata o 8 de xaneiro de 2021, ambos os dous incluídos. En canto ás imaxes dos escaparates será necesario enviar un dossier de fotografías (máximo 10) que deberán presentarse para a valoración posterior do xurado e presentalo por rexistro do Concello ou ben por Sede Electrónica nos termos previstos na cláusula segunda das bases do concurso, indicando o nome do establecemento ao que pertence.

Na súa falta, será posible entregar un dispositivo USB con este contido ben nas asociacións de comerciantes ou na propia Concellería. A data tope para entregar a documentación gráfica das creacións será ata o 30 de decembro de 2020. Documentación para a solicitude de participación da campaña, bases e outra documentación necesaria na páxina web municipal: www.baiona.gal.