A Área Sanitaria de Vigo pon en marcha unha nova unidade de coidados respiratorios intermedios

A Área sanitaria de Vigo ven de por en marcha unha nova Unidade de hospitalización para pacientes con Covid-19. Trátase da Unidade de Coidados Respiratorios Intermedios-UCRI, emprazada na Vela 3D. É unha área de monitorización e tratamento con soporte respiratorio non invasivo, de pacientes con insuficiencia respiratoria aguda, ocasionada polo Covid-19, e cun nivel de gravidade intermedio.

Son pacientes que necesitan de coidados máis específicos e complexos que os da hospitalización convencional, pero sen chegar aos niveis de tecnificación dos ofertados nas Unidades de Coidados Críticos. No momento actual, nesta nova Unidade hai 4 pacientes ingresados.

Segundo explica a coordinadora da Unidade, a pneumóloga Mar Mosteiro “se ben estas terapias xa se estaban implementando aos pacientes que o precisaban, a creación dunha Unidade específica permite unha organización máis óptima dos coidados e da xestión das camas, e supuxo un gran esforzo de reordenamento por parte da dirección de enfermería”.

Na UCRI préstase un nivel de coidados intermedios, e os pacientes ingresados benefícianse dun soporte respiratorio non invasivo. Sen embargo, asegura a doutora Mosteiro, “a diferenza das Unidades de Críticos, non se realiza intubación endotraqueal ou outras técnicas invasivas de intercambio gasoso, sendo estes procesos agresivos e asociados a moitas complicacións, longa estancia, e tamén mortalidades, polo que constitúe a última indicación terapéutica naqueles pacientes con gran compromiso vital”.

As técnicas respiratorias empregadas son a Osixenoterapia de alto fluxo e a Ventilación mecánica non invasiva a través de máscaras faciais. Ámbalas dúas precisan de estreita monitorización e persoal ben adestrado, tanto médico como de enfermaría.

Protocolo e equipo específico de enfermaría

A Unidade é atendida por especialistas de Pneumoloxía, en cooperación cos outros facultativos que forman parte do equipo Covid: internistas, infectólogos e médicos doutras especialidades.

Conta con 10 camas cunha monitorización integral, e un protocolo de actuación específico. Dispón de persoal de enfermaría propio, experto no manexo de técnicas respiratorias, na monitorización e coidados do paciente respiratorio. “Hai que destacar a súa especial dedicación xa que as técnicas non invasivas neste contexto supoñen un esforzo engadido para a enfermaría”, asegura a doutora Mosteiro.

Este novo servizo hospitalario ten dúas orientacións: o ingreso daqueles pacientes susceptibles de beneficiares destas terapias respiratorias, e que nalgúns casos evitarían os seus ingresos na UCI; e o tratamento dos pacientes aínda potencialmente contaxiosos, que unha vez superada a fase aguda da súa enfermidade na UCI, continúan requirindo de coidados especializados.

“Isto resulta de especial interese e de aí a gran importancia das UCRIs, xa que nos posibilitan dar de alta aos pacientes da UCI dun xeito máis precoz. Nesta situación de pandemia excepcional, numerosas experiencias reportadas e artigos científicos teñen demostrado a seguridade, utilidade e custe-efectividade destas Unidades na atención a pacientes con Covid-19 graves, e así o subliña a SEPAR (Sociedade Española de Patoloxía Respiratoria) nun recente comunicado”.

Monitorización integral

As 10 camas da UCRI contan cun sistema de monitorización integral ou telemetría que permite un control automatizado, continuado e permanente destes pacientes.

Este sistema informático posibilita o envío das constantes vitais da persoa ingresada desde a cabeceira da súa cama ata o Control de enfermaría a través duns dispositivos de recollida automática dos principais parámetros fisiolóxicos como son a actividade eléctrica cardíaca, a saturación de osíxeno, pulsacións e presión arterial.

Deste xeito, os profesionais sanitarios poden seguir no monitor a evolución das constantes vitais do paciente, sen necesidade de acudir á habitación, cunha inmediatez e fiabilidade absoluta. Ademais, queda rexistrada a serie histórica destes datos, o que facilita os estudos clínicos comparativos por parte dos profesionais e as conseguintes decisións terapéuticas.

O sistema leva incorporadas unha serie de alarmas que se activan no momento en que algunhas das constantes do paciente experimentan variación, de xeito que os profesionais achéganse inmediatamente á habitación do paciente para comprobar a incidencia rexistrada.

Esta monitorización mellora as condicións de bioprotección requiridas nesas circunstancias de utilización de terapias respiratorias non invasivas, incrementando aínda máis os niveis de seguridade destes pacientes e os do propio persoal que os atende, e posibilitando por tanto unha maior eficacia nos coidados sanitarios prestados.