A exposición “A Illa da Memoria” chega a Baiona

A Capitanía Marítima de Baiona acolleu a inauguración da exposición “A Illa da Memoria”. Esta actividade está enmarcada dentro da programación organizada pola Concellería de Cultura dedicada en exclusiva á memoria histórica do BaiOutono. A mostra, creada por Antón Caeiro e con carácter itinerante, recolle nunha decena de paneis o pasado da illa de San Simón como campo de concentración durante a Guerra Civil española e na posguerra, de 1936 a 1943. A exposición poderase visitar en horario de 16:00 a 19:00 horas de luns a sábado na Capitanía Marítima de Baiona, sita na Rúa Elduayen, número 20.

Lembrar para non repetir

Na inauguración, o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, puxo de manifesto a necesidade de lembrar “as persoas que pagaron mesmo coas súas vidas un período tan desgraciado para todos nós”. O rexedor asegurou que a memoria histórica ten que servir “para que feitos así non se repitan nunca” e nesa liña ve imprescindible “un esforzo de todos e todas por reforzar cada día a democracia e que ningún réxime ditatorial volva encher as nosas vidas de tristeza, morte e escuridade”.