O CB Nigrán “finta” ao Covid e se reinventa na súa presentación para esta tempada

Unha tempada máis, desde aquela dos inicios no 2014, o CB Nigrán volve a reinventarse e fai a presentación da actual 2020/2021, despois da anterior infestada de éxitos deportivos con 3 dos seus equipos clasificados en primeiro lugar nas súas respectivas ligas e xogando finais, a pesar de que en marzo se tivo que deixar de competir polo Covid.

Esta tempada diferente non puideron realizar a súa presentación como todos os anos no Pavillón Municipal de Panxón, polo que o Club decidiu facelo dunha maneira diferente, vía telemática/online, para que os seus xogadores e xogadoras se sentan igual de importantes que noutras ocasións.

Os 10 equipos desta tempada 2020/2021 saltan á cancha ofrecéndonos unha nova versión, a través de tres vídeos, agrupados por categorías, onde cada un dos 120 xogadores/as preséntanse quitándose a máscara e podendo ver os seus rostros, nun alarde de demostrar a ilusión por poder adestrar cada día.

Desde o Club séguense potenciando as categorías de Minibasket, cos equipos Baby, Benxamín e Alevín, os tres en formato mixto, dentro da filosofía e política de igualdade que se ten no club. Estas categorías son de especial atención e moita dedicación, debido a que son o futuro asegurado durante anos para o Club.

En categoría Infantil, volve contar con 3 equipos, algo que xa vén sendo habitual o últimas tres tempadas e que dá mostra do bo traballo que vén realizando na base e nas escolas de baloncesto que o Club ten nos diferentes colexios de Nigrán. Dous infantís masculinos e un infantil feminino, dan fe deste marabilloso traballo.

Continuando nesta liña, en categoría Cadete, dispoñen de dous equipos, un masculino e outro feminino, ambos ocupando o seu número máximo de licenzas. Pola parte de arriba, xa nos atopamos co equipo Júnior masculino, que vén de xogar a pasada tempada a final da súa liga, dando mostra dos éxitos do traballo tempada tras tempada e da liña deportiva a seguir.

Pechando os equipos desta tempada temos a categoría Sénior masculina, que nas tres tempadas no Club (esta é a cuarta), quedaron Campións de Liga e xogado a Fase de ascenso todas elas, poñendo ese broche na “parte de arriba” da pirámide do Club.

A Directiva móstrase moi ilusionada ante esta nova tempada, tendo pensando novos proxectos á espera de poder realizalos segundo vaian desenvolvéndose as circunstancias a nivel sanitario.

Polo momento todos os equipos continúan adestrando, algo que desde o Club “ven como moi positivo, porque os nenos e nenas estiveron moitos meses sen poder facer actividade e o feito de poder retomar esa normalidade e a continuidade nos adestramentos é unha gran achega non só físico, senón psicolóxico para todos, volven convivir cos seus compañeiros, intercambian vivencias, senten novamente as sensacións de botar un balón, de compartir pista”, algo que é fundamental para o seu crecemento e evolución como persoas.

Será unha tempada diferente e atípica, pero o CB Nigrán quere achegar a maior normalidade posible (non sen aplicar todas as medidas do Protocolo Covid), nesta tempada 2020/2021, non deixando de ter na súa axenda novas ideas que se queren levar a cabo.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.