Baiona pon en marcha a campaña “Eu hoxe non cociño”

O Salón de Plenos do Concello de Baiona acolleu esta mañá a rolda de prensa de presentación da campaña “Eu hoxe non cociño”. Desde a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) fixeron chegar á hostalería esta proposta na que para a súa posta en marcha tamén participaron o Concello de Baiona e o Mercado da Praza de Abastos de Baiona.

A campaña ten por obxectivo dar a coñecer de forma xeneralizada e constante a oferta “take away” dos pratos cociñados nos locais de hostalería da vila. Un total de 15 establecementos sumáronse a esta iniciativa: Ecoadega Cocina Mercado, La taberna de Azafrán, Asador María Eugenia, Bocatería Baioca, Queimada Gastrobar, La Crep, Mesón Jamonería Fidalgo, Recuncho Mariñeiro, Panadería Yajoma, Restaurante La Colegiata, Restaurante Balneario, Central Park Baiona, Nueva Tapería la Abuela, Bar O Parque e Restaurante Rocamar.

Todos estes establecementos traballan con códigos QR a través dos cales os veciños e veciñas interesados en solicitar pedidos poidan coñecer a carta de cada un deles. Así mesmo, todos aqueloutros establecementos de hostalería que se queiran sumar a esta iniciativa poderán facelo poñéndose en contacto co concelleiro de Comercio do Concello de Baiona, Víctor Muñoz Encinas, escribindo un email cos seus datos a: concelleria.comercio@baiona.gal.

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, mostra o seu total apoio ao sector hostaleiro, un dos máis castigados pola crise económica e social derivada da Covid-19. “Como alcalde mostro o meu apoio incondicional ao sector hostaleiro nun dos momentos máis difíciles. O Concello de Baiona comprometeuse con esta campaña tan importante para dinamizar a economía da hostalería do noso municipio”. O rexedor quere agradecer o labor realizado por ACEBA e polo Mercado da Praza de Abastos de Baiona. Gómez anima aos veciños e veciñas para que tamén apoien aos restauradores facendo pedidos.

Desde ACEBA sinalan que “motivados pola evolución da crise do Covid-19, tratamos de crear un “escaparate” no cal restaurantes, taperías, etc, que desexasen publicitar a súa oferta “take away” puidesen adherirse e chegar de forma conxunta a un maior abanico de público obxectivo. Ademais das súas propias accións comerciais, paralelamente, poderán difundir a súa oferta, co fin de que a variedade de propostas culinarias da nosa localidade, animen á clientela para pedir os seus pratos e menús preparados de forma repetitiva e habituándoos a unha nova forma de consumo. A campaña vai encamiñada a manter na medida do que se poida o consumo nos nosos locais, xa sexa dunha forma presencial ou en domicilio do propio cliente”.

Na rolda de prensa de presentación da iniciativa participaron o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, o Presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, o Primeiro Tenente de Alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Iluminación Pública e Seguridade Cidadá, Óscar Martínez Álvarez, e o concelleiro de Urbanismo, Comercio e Mercados, Víctor Muñoz Encinas. Tamén Carlos Quintás, vicepresidente de ACEBA, e Fernando Quevedo, en representación do Mercado da Praza de Abastos de Baiona e tamén directivo da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona.