Susana Cerqueiro, nova directora de procesos asistenciais da Área Sanitaria de Vigo

O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, o nomeamento de Susana Cerqueiro como directora Asistencial da Área Sanitaria de Vigo. A doutora Cerqueiro ocupaba ata agora a Dirección de Atención Hospitalaria desta xerencia.

Licenciada en Medicina na Universidade de Santiago de Compostela, cursou posteriormente másters relacionados coa Dirección e Xestión de Servizos Sanitarios e Urxencias.

Facultativa de Admisión e Documentación Clínica, exerceu distintos postos como médico avaliador do INSS, inspectora médico do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia, así como diferentes cargos directivos en institucións dependentes do Servizo Galego de Saúde e da Consellería de Sanidade.

No Sergas foi subdirectora operativa no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago durante 8 anos; directora médica no Hospital do Salnés; subdirectora xeral na Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria; e directora de Procesos con Ingreso na EOXI de Santiago.

Hai agora dous anos que se incorporou ao equipo directivo da Área viguesa como directora de Procesos de Soporte, e posteriormente pasou a ocupar a dirección de Atención hospitalaria, cargo que desempeñou ata o dia de hoxe.