Dende o Baíña Fútbol Sala e Ecoembes estase a organizar unha recollida de residuos na praia de Santa Marta de Baiona. Con dita recollida, coa que tamén colabora o Concello de Baiona, preténdese concienciar sobre os problemas medio ambientais que xera o abandono de lixo na contorna natural así como sobre a reciclaxe e o coidado do medio mariño, nunha nova aposta do club baionés por ir máis aló na educación dos seus deportistas e socios.
Dende o club, queren dar a máxima difusión a este tipo de iniciativas, pola necesidade de concienciar e trasladar o problema ao maior número de persoas posibles. A iniciativa desenvolverase este sábado día 28 de setembro ás 10:00 da mañá na mencionada praia de Santa Marta de Baiona.

