Manifesto Miñor cualifica de “fracaso” a incorporación de Gondomar á plataforma de venda online Dbarrio

Manifesto Miñor anuncia que levará ao Pleno da Corporación Municipal de Gondomar unha moción en la que propón crear unha plataforma municipal propia de venda online xestionada polo Concello, comerciantes, hostaleiros e pequenos negocios de todo tipo instalados no municipio.

“Pasaron oito meses dende que o Sr. Alcalde anunciara como a solución definitiva para o comercio local a incorporación do municipio á plataforma de venda online Dbarrio. Hoxe podemos cualificar esa medida de fracaso, tanto pola fría acollida entre os comerciantes, como polo escaso uso da mesma que fixeron os potenciais clientes. Unha vez máis o Sr. Ferreira preferiu vender fume creando a ficción dunha xestión que non fixo por desidia. A gravidade deste tipo de políticas baseadas no postureo e na foto, xogan coas espectativas dun sector especialmente castigado pola crise, que unha vez máis se sente estafado e manipulado pola propaganda oficial”, di Antonio Araújo.

O concelleiro de Manifesto Miñor recorda que naquela altura propuxeran xa crear un plataforma de venda online propia, xestionada polo Concello e os comerciantes, no canto de diluír o comercio local nun espazo virtual onde ten que competir maiormente cos comercios de Vigo, como foi o caso. “Agora estamos vendo como os concellos da nosa contorna e da provincia están lanzando con éxito a modalidade proposta por Manifesto Miñor hai case un ano. Tomiño vén de lanzar a súa; Cuntis puxo en marcha “MercaCuntis”; Redondela ten funcionando “Redondela Merca na Casa”, ou Tui a súa,“É Tui” acesa en galego, español, inglés, francés e portugués….. Todas elas teñen en común que van dirixidas ao comercio local e de proximidade dos seus respectivos concellos; apoiadas nos medios de comunicación e nas redes socias regularmente e, sobre todo cunha imprescindible fase de formación dos comerciantes, así como un seguimento do proceso por parte dos técnicos municipais ou contratados a tal efecto”.

A moción tamén insta a proceder á información e formación dos comerciantes e autónomos locais sobre a necesidade deste tipo de negocio que veu para quedar, e de como manexalo, tanto tecnicamente como os sistemas de marketing, de vendas, etc. existentes, así como facer o seguimento e acompañamento dende a Concellaría de Comercio deste proceso novidoso para moitos comerciantes e clientes, creando un organismo estable, facendo campañas de información e animando a mercar no comercio local nos medios de comunicación e nas redes sociais, así como ideando un sistema de reparto de compras, etc.

Por último, Manifesto Miñor propón que mentres dure o estado de pandemia do COVID-19, que se proceda a rebaixar e/ou bonificar todas as taxas e impostos que dependan do Concello co ánimo de evitar o peche masivo e definitivo das tendas e comercios da nosa localidade.