Autocine gratuíto en Baiona con perspectiva de xénero

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona presentou esta mañá no salón de plenos o primeiro “autocine” organizado na vila. A actividade enmárcase dentro da programación “Novembro Lila”, que trae consigo un mes dedicado a actividades contra a violencia á muller.

A xornada de “autocine” terá lugar o vindeiro sábado, 21 de novembro, ás 19:30 horas en Chan da Lagoa. Trátase dunha iniciativa gratuíta que ofrecerá a película “Una cuestión de género”. A súa proxección terá unha duración de 120 minutos e é recomendada para maiores de 13 anos. O film inspírase na historia real dunha nova Ruth Bader Ginsburg que debe afrontar todo tipo de adversidades e obstáculos na súa loita pola igualdade de dereitos ao longo da súa carreira. Cando acepta un caso tributario pioneiro co seu marido, o avogado Martin Ginsburg, sabe que podería cambiar o curso da súa carreira e a forma en que os tribunais ven a discriminación por xénero.

A xuíza protagonista, Ruth Bader Ginsburg, icona da loita pola igualdade entre homes e mulleres, faleceu o pasado 18 de setembro. Bader Ginsburg era máis que unha xuíza en Estados Unidos. O seu discreto pero eficaz activismo legal polos dereitos da muller nos setenta, non nas rúas senón nos tribunais, rexurdiu ante a opinión pública con forza durante o último decenio da súa vida por mor dos seus soados disentimentos das opinións do Tribunal. Aos seus 80 anos, Ginsburg converteuse en algo parecido a unha icona pop ou unha estrela do rock, unha inspiración para millóns de mulleres e un modelo de resiliencia ante a adversidade. A súa vida foi recreada, analizada e celebrada en infinidade de libros, contos infantís, películas, documentais e teleseries.

O autocine contará cunha pantalla de 150 metros cadrados, unha das máis grandes instaladas no noroeste peninsular. O acceso de vehículos ao recinto iniciarase ás 18:30 horas. O autocine permitirá oír desde o coche a película, xa que será na propia radio do turismo desde onde se sintonizará a frecuencia, que se facilitará á entrada do recinto. Os coches iranse colocando en diferentes posicións segundo a orde de chegada. Unha vez iniciada a sesión, prohíbese o acceso e saída de vehículos do recinto. Os utilitarios deberán permanecer coas luces apagadas durante a proxección.

Na sesión de cinema de tarde do próximo sábado 21 de novembro, haberá persoal de acomodo para dar información e facilitar o estacionamento. Terá unha capacidade para 100 vehículos. Trátase dunha actividade que, ademais, incorpora a perspectiva de xénero sen que os veciños e veciñas teñan que saír do seu automóbil.

Para poder divertirse e acceder ao autocine é necesario a inscrición previa no teléfono 986 356077 ou presencialmente no Multiusos Ángel Bedriñana, sito na Rúa Carabela Pinta número 9. Á hora de anotarse na actividade é necesario facilitar nome e apelidos, DNI, matrícula de vehículo e teléfono de contacto. O centro está aberto en horario de 8:00 a 22:00 horas de luns a venres de forma ininterrompida.

“É unha actividade totalmente de balde para a cidadanía, quixemos que esta acción sexa popular, que podamos gozar do autocine con perspectiva de xénero e desta acción tan nova na localidade de forma aberta, gratis, accesible. Ademais de ser totalmente segura para a familia xa que estará na súa burbulla dentro do vehículo”, apunta a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira. A concelleira agradece especialmente á Comunidade de Montes de Baíña a súa disposición para ceder o espazo de Chan da Lagoa, lugar que acollerá a proxección. Tamén a colaboración de ACEBA, do Mercado da Praza de Abastos de Baiona e a Protección Civil que montará un posto no recinto.

O Alcalde, Carlos Gómez Prado, sinalou a “aposta e o compromiso do equipo de goberno do Concello de Baiona pola Igualdade”. Gómez tamén destacou “a innovación deste tipo de actividades e subliñou a gran importancia que teñen na dinamización da economía local”. Así mesmo, agradeceu a colaboración co Concello da Comunidade de Montes de Baíña, da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona, do Mercado da Praza de Abastos de Baiona e de Protección Civil.

Seguro que o potentado empresario estadounidense Richard M. Hollingshead nunca imaxinou que as sesións de autocine que ofreceu por primeira vez na historia en xuño de 1933 en Camden (Nueva Jersey) ían chegar ata Baiona con impulso municipal. E, por suposto, a Hollingshead tampouco se lle pasou pola cabeza que fose gratis… iso si, con inscrición previa.

Menú de Cinema

Desde o Concello de Baiona expúxolle á Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona a posibilidade de ofertar un “menú de cinema”. Por iso, os veciños e veciñas que se apunten á actividade e queiran matar a súa fame durante o visionado da película poderán gozar dun “menú de cinema” preparado por establecementos de hostalería da Vila. A concelleira “convida a todos os os asistentes, a que se pasen antes do inicio da sesión polos establecementos a adquirir produtos e pratos preparados que poidan subir aos seus vehículos antes de acceder ao recinto”.

Esta é unha boa oportunidade para facer unha divulgación da lista de establecementos con servizo “take away” e ao mesmo tempo, tamén terá un incentivo a maiores dado que cada cliente ou clienta que acuda ese día a adquirir o seu menú para o autocine, participará no sorteo dunha tablet, que facilitou a Concellería de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías, só cubrindo unha tarxeta co seu nome e número de teléfono.

Esta iniciativa enmárcase dentro da campaña “Eu hoxe non cociño” que a Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona e o Concello de Baiona presentarán mañá aos medios de comunicación, na que tamén colabora o Mercado da Praza de abastos de Baiona. A próxima semana enviarase un cartel identificativo e ao mesmo tempo as tarxetas de sorteo que deberán completar os clientes e clientas.