O Concello de Baiona e Avelaíña ofrecen un servizo de saúde mental para os veciños e veciñas

O Concello de Baiona informa da posta en marcha do servizo que tratará de dar resposta ás demandas da poboación baionesa en relación á saúde mental, mellorando así a súa calidade de vida, tras a firma dun convenio de colaboración con Avelaíña. O alcalde e a presidenta da entidade rubricaron o documento que oficializa a alianza municipal cunha asociación que conta con máis de 20 anos de experiencia ao servizo da saúde mental.

Os beneficiarios directos desta atención serán calquera persoa con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera cidadán ou cidadá do Concello de Baiona. As persoas usuarias poderán acceder ao servizo por iniciativa propia ou por derivación doutros recursos sociocomunitarios: Servizos Sociais do Concello, Centro de Saúde, etc. Accederán ao servizo despois de ser contactadas pola profesional de referencia de Avelaíña, que establecerá unha primeira cita.

A Asociación na súa sede en Baiona ofrece os servizos de Respiro Familiar, Acompañamento Integral, Xestión e Tramitación, Atención Domiciliaria, Orientación e Integración Laboral, Información e Asesoramento, Escola de Familias, Proxecto de Promoción da Autonomía Persoal en enfermidade mental grave e Proxecto VOZ Natura. A Asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial, con prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Trátase dun servizo que vén realizando Avelaíña de forma permanente na zona do Val Miñor, o cal, debido á gran demanda de atención derivada pola situación de crise sanitaria do COVID-19, viuse incrementado.