Abogados Cristianos solicita ao xuíz a retirada de dúas fotografías da mostra “Corpos, Feminismo e Territorio”

A Asociación Española de Abogados Cristianos solicita ao Xulgado do Contencioso Administrativo de Pontevedra medidas cautelarísimas para que retire dúas das fotografías da mostra “Corpos, Feminismo e Territorio”, exposta no edificio do Concello de Baiona.

En concreto, solicita a retirada das dúas imaxes de mulleres espidas con referencias á simboloxía católica. Unha delas cun manto na cabeza, cruces pintadas sobre os peitos e un cáliz ocultando os xenitais, e a outra, cunha pandeireta imitando a aureola dunha virxe e a frase “Na miña cona mando eu” sobre o torso.

A organización de xuristas denuncia que “a instalación, que en principio pódese visitar ata o próximo 23 de novembro, supón un ataque aos sentimentos dos cristiáns”. O seu presidente, Polonia Castellanos, critica que “a mostra pretende falar de feminismo, pero dun feminismo que non defende a todas as mulleres, xa que esas imaxes son unha vexación ás mulleres católicas”.

Abogados Cristianos non descarta ademais interpoñer unha querela contra o alcalde de Baiona e a concelleira de Igualdade “por promocionar e fomentar unha exposición onde existen varias obras que atentan contra os sentimentos dos católicos”.

Polonia Castellanos denuncia que “son sempre persoas ou partidos vinculados coa esquerda máis radical os que se empeñan en atacar aos cristiáns e isto é algo que non se pode permitir”. “Os cristiáns estamos cansados dos continuos ataques sempre por parte dos mesmos colectivos”. “Nós só pedimos o mesmo respecto que se ten ao resto dos cidadáns”. “É intolerable que apelen á liberdade de expresión para insultar e vexar aos cristiáns e ofender as nosas crenzas”.