Tena continuará coa súa adaptación á estrada no Vigo-Rías Baixas

Segunda renovación para a tempada 2021 nas filas do Vigo-Rías Baixas. Jon Tena defenderá por segundo ano consecutivo as cores da estrutura presidida por José Luis Chamorro. O ciclista sub23 vasco, que procede do mountain bike, continuará coa súa adaptación á estrada ás ordes de Marcos Serrano.

“É un proxecto no que estou moi a gusto. Nun ano tan raro como este 2020, coa pandemia e con poucas carreiras, desde o equipo axudáronme en todo momento, preocupáronse por min e, sobre todo, axudáronme e aprendín moito”, valora o guipuscoano, que o pasado inverno decidiu probar sorte sobre o asfalto.

Medallista a nivel estatal na modalidade de BTT- Ultramaratón, lembra que “eu viña da montaña e apenas sabía correr en pelotón”. O Vigo-Rías Baixas brindoulle a oportunidade de descubrir o calendario de estrada e o ciclista de Urretxu disputou probas puntuables para a Copa de España, así como roldas por etapas como a Volta a Cantabria ou a Volta Provincia de Valencia.

Tras unha campaña na que achegou o seu granito de area en varios dos éxitos cultivados polo xefe de filas do conxunto flúor Mauricio Moreira, a Tena atragoóuselle o peche do curso. “Quedóuseme cravada a espiña de acabar lesionado”, afirma este corredor de 21 anos, que fai borrón e conta nova pensando no próximo ano: “Quero estar ao meu máximo nivel, que o puiden demostrar antes da corentena. Nesas carreiras de inicio de tempada sentín moi ben”.

Este acordo únese ao alcanzado con Guillermo Mallo dentro da rolda de renovacións que o Vigo-Rías Baixas puxo en marcha. A aposta pola mocidade da entidade con sede na cidade olívica tamén abarcará o ascenso dalgunha promesa desde o equipo júnior.