Baiona inicia o “Novembro Lila”, un mes dedicado a actividades contra a violencia de xénero

A programación organizada pola Concellería de Igualdade co gallo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, “Novembro Lila”, trae consigo un mes dedicado a actividades contra a violencia á muller no Concello de Baiona. Trátase dun programa deseñado para dar visibilidade á secuela da violencia machista coincidindo co 25N e que abarcará todo o mes de novembro e cunha importante presenza feminina, cuxas pezas e traballos contan historias vividas e sentidas por mulleres.

Esta programación vai un paso máis aló da estética dunha pancarta que berra “Non á violencia”, quérese entrar na cabeza do público para facelo reflexionar sobre a problemática da violencia machista e a desigualdade entre homes e mulleres, adaptándose ás diferentes idades do público xa que haberá actividades variadas para toda a cidadanía.

O “Novembro Lila” conta cunha ampla programación que se redeseñou para adaptarse á actual situación sanitaria. Comezará mañá mércores, 11 de novembro, ás 11:30 horas coa conferencia en streaming “No camiño do vento” pola memoria de Sesé de Joshua Mateo. A veciñanza a poderá visualizar na ligazón da actividade que hai na páxina web municipal e tamén a través da canle de YouTube do Concello de Baiona. O outro lado da pantalla estrará o alumnado de 4ª da E.S.O. do CPI Cova Terreña e o do IES Primeiro de Marzo de segundo de Bacharelato, de Formación Profesional Básica e do Ciclo de Animación Sociocultural.

Continuarase o xoves 12 coa actividade “Contos pola Igualdade” ás 10:00 e ás 12:00 horas no CEP Sabarís e CEP Belesar, e o venres 13, á mesma hora, no CPI Cova Terreña e CEIP Fontes-Baíña. O contacontos pola igualdade correrá a cargo de Paula Carballeira baixo o título “A valentía da Leona”.

A conferencia do sábado 14 ás 18:00 horas que se ía celebrar no Multiusos Ángel Brediñana baixo o título “Amasar o pan, gobernar o mundo. Mulleres na historia de Baiona”, impartida polo historiador local Anxo Rodríguez Lemos, queda suspendida ata que a situación epidemiolóxica mellore.

O 20 de novembro o alumnado do Ciclo de Animación Sociocultural do I.E.S Primeiro de Marzo poderá desfrutar do recital poético “O bo rollo vai rematar” de Dúas Gamberras e un Micro. Mónica Sueiro, directora da Aula de Teatro de Baiona, interpretará “Subterránea”, para o alumnado do CEP Sabarís.

Dende o luns 23 até o domingo 29 poderase desfrutar do Ciclo de Curtametraxes on line contra a violencia de xénero. Os obxectivos do ciclo son dar visibilidade e sensibilizar á cidadanía contra a violencia de xénero e fomentar a reflexión entre a poboación máis nova das diferentes formas de violencia machista. As curtas integran contidos diversos: o empoderamento, a violencia machista, a igualdade de oportunidades, os estereotipos de xénero. Os títulos das curtas que poderá visualizar a veciñanza na ligazón da páxina web municipal, son: “El orden de las cosas”,“No aguanto a tus padres”, “Miente”, “Recursos humanos”, “Del azul al rojo”, “Libre directo”.

O 25N, mércores, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, está prevista a presentación das axendas igualitarias, dos traballos do proxecto “Non Cales”. Irene Silva Xiráldez, pintora, gravadora e ilustradora, veciña de Belesar, impartiu obradoiros a todo o alumnado que cursa 6º de educación primaria nos distintos centros da localidade. Un total 96 alumnos e alumnas do CEP Belesar , CPI Cova Terreña, o CEIP Fontes-Baíña e o CEP Sabarís participaron no proxecto enmarcado no IV Plan de igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Baiona.

Ese mesmo día tamén se prevé a inauguración da exposición de debuxos elaborados polo alumando de educación secundaria dos centros educativos da vila e a entrega de premios deste concurso. O “Concurso de debuxo e slogan contra a violencia de xénero” forma parte do proxecto “Igualdade todo o ano”, promovido polo Concello de Baiona a través da Concellería de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías e o Centro Municipal de Información á Muller, e cofinanciado pola Deputación de Pontevedra, no marco da Liña dúas do Plan Concellos 2020.

As actividades do propio día 25 celebraranse dunha maneira ou outra dependendo da evolución da situación epidemiolóxica do Covid-19.