O PP de Baiona esixe a retirada inmediata da exposición “Corpos, Feminismo e Territorios”

O PP de Baiona esixe ao alcalde, Carlos Gómez, a retirada inmediata da exposición fotográfica titulada “Corpos, Feminismo e Territorios” do Hall do Concello ao considerar que as imaxes que a compoñen non son as máis adecuadas para ocupar un espazo público e aberto a todos os veciños/as que, cando acoden ao consistorio para realizar as súas xestións, tópanse coas fotografías nada máis cruzar a porta de entrada sen poder evitalo.

A propia prensa cualificaba as instantáneas como “o feminismo máis agresivo desde o consistorio de Baiona” e describía que nelas podía verse desde “un cáliz tapando os xenitais dunha muller” ata “cruces pintadas nos peitos espidos ou a frase ‘na miña cona mando eu’ escrita sobre unha persoa que pousa con cara de poucos amigos cuberta cun hábito relixioso á vez que suxeita unha fouce….”. Unhas escenas ás que o PP mostra o seu “profundo rexeitamento” porque supoñen un ataque evidente á sensibilidade e aos sentimentos das persoas.

“O grupo municipal popular é firme defensor da liberdade de expresión e sempre traballou pola igualdade entre homes e mulleres, ademais de ser partícipe incuestionable na loita activa contra a violencia de xénero. Con todo, estamos convencidos de que esta exposición non só non é afortunada senón que en nada beneficia ás mulleres e, aínda por riba, vulnera o respecto á sensibilidade dos cidadáns e cidadás”, sinalan. Así mesmo aseguran que a exhibición provocou un “profundo malestar” entre os veciños/as e os colectivos de Baiona que non entenden por que está situada nun edificio público ao que acceden persoas de todas as idades, incluídos nenos.

“Os gobernantes teñen e deben ser sensibles e coidadosos cos sentimentos de toda a poboación e é evidente que o goberno local de Carlos Gómez non o está sendo ao colocar esta exposición na casa de todos os baioneses sen consenso e sen importarlle o máis mínimo o que opinen”, critican desde as filas populares que instan o rexedor a “reflexionar” sobre se este é o seu proxecto de igualdade e a ordenar canto antes a retirada das fotografías do hall do consistorio. “É un despropósito”, apostilan.

Informan a Deputación e Dirección Xeral de Igualdade

O PP baionés xa solicitou formalmente ao goberno local a retirada da exposición e puxo en coñecemento da situación á Deputación e á Secretaría Xeral de Igualdade mediante un escrito rexistrado en sede electrónica á presidenta da entidade provincial e á responsable da área de Igualdade da Xunta para que tomen cartas no asunto. “A situación é suficientemente inédita, inaceptable e grave como para que dúas institucións que loitan abertamente pola defensa da muller maniféstense respecto diso”, consideran.