Baiona realiza unha desinfección xeral no Pavillón Municipal de Deportes

O Concello de Baiona realizou unha desinfección xeral no Pavillón Municipal de Deportes durante a pasada fin de semana. Este reforzo na limpeza súmase á desinfección diaria que se realiza na pista central, na pista de pádel, na sala de máquinas, na sala multiusos e nas oficinas do edificio municipal.

Para realizar o traballo, a empresa seguiu o protocolo de limpeza marcado polo Ministerio de Fomento, que consiste en desengrasar primeiro para aplicar despois hipoclorito ou virucida. Tratouse dun traballo laborioso xa que hai moito habitáculo, no pavillón hai que limpar asento por asento, columnas e toda a superficie. Tamén se actuou no exterior baldeando con deterxentes tensioactivos e virucida.

O horario das instalacións é de luns a venres de 8:00 a 23:00 horas, de forma ininterrompida. Sábados de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Actualmente non se traballa co sistema de cita previa pero utilizarase este sistema en caso de poder chegar a superar o aforo. De ser así, haberá que solicitar cita previa para realizar exercicio na sala de máquinas e gozar das actividades dirixidas. Se é necesaria a cita previa para alugar a pista de pádel. Para todas estas xestións a cidadanía debe facelo a través do teléfono 986 356 558.

Existe un protocolo de acceso ás instalacións, que é controlado polo persoal de recepción. Os usuarios deben acceder con máscara decidindo o seu uso ou non á hora de facer práctica deportiva, e levar a toalla e esterilla de casa. O acceso ao Pavillón realízase pola porta principal situada no piso de arriba e a saída polo portón de pista para así evitar cruces de xente. As persoas con algún tipo de discapacidade que necesiten utilizar outro acceso e/ou o ascensor poderán telo á súa disposición sempre respectando as medidas de seguridade.

Os usuarios teñen que cubrir e asinar un modelo de declaración responsable de non ter síntomas compatibles con Covid-19 ou estar en contacto con algún enfermo. Na entrada tómaselles a temperatura (máxima 37,2 c) e hixienízanse as mans. Ademais, achégaselles un pulverizador para a limpeza e desinfección de cada espazo e material utilizado para a súa maior tranquilidade e uso se así o require. Establecéronse diferentes zonas para a práctica deportiva, debidamente sinalizadas, que respectan a distancia de seguridade e evitan o cruzamento de persoas. Desde a Concellería de Deportes instan a respectar as normas e cumprir coa responsabilidade individual para evitar riscos.

Haberá un monitor para clases colectivas na pista do Pavillón, un monitor para clases de spining (aula aeróbic), un monitor permanente en sala Gym para o control de espazos de usuarios. O aforo do ximnasio está limitado ao 50%.