
O Concello de Nigrán iniciou a tramitación para gañar en San Pedro, concretamente no coñecido como Monte de Santa Cruz, unha nova área forestal para o desfrute da veciñanza. En total, trátase de 12.700 m2 situados ao carón do coñecido como Monte Eiró ou Das Agullas (Parada). Esta zona boscosa, composta nun 95% por pino do país, está historicamente desatendida ao non figurar como inscrito en man común ou propiedade privada.
“O obxectivo primeiro do Concello é realizar o deslinde e inscribilo correctamente para despois emprender traballos de rexeneración de cara a súa posta en valor como un atractivo natural máis de Nigrán”, indica o alcalde, Juan González, quen visitou a zona acompañado do edil de Medio Ambiente, Diego García, e Ángel Soliño, actual técnico forestal no concello e quen asumirá este traballo de inscrición da propiedade e posterior proxecto medioambiental. “No Catastro figura como en man común sen maior especificación, pero en cambio, no rexistro oficial de montes en man común de Galicia non aparece como tal, por iso o primeiro paso sería realizar o deslinde”, explica Soliño, quen avanza que os traballos na zona deberían iniciarse cunha “entresaca”, é dicir, “eliminar ás árbores máis pequenas ou en peores condicións para que non medren só en altura, tal e como sucede agora”.
Así, actualmente os pinos crecen en gran densidade e sen practicamente espazo entre eles, o que lles obriga a medrar en altura, “cuestión que é interesante cando o obxectivo é facer negocio coa venda da súa madeira, pero que aquí non ten sentido”, explica o rexedor.
“Queremos que sexa unha zona máis de desfrute da veciñanza, agora é practicamente inaccesible ao non ter ningún tipo de mantemento, pero en pouco tempo será un novo pulmón verde para Nigrán como xa é Monteferro ou os Montes de Camos e Chandebrito”. Neste sentido, o monte de Santa Cruz conta cunha gran pendente con vistas naturais cara a costa de Nigrán e Baiona en moitos puntos. “Gustaríanos que tivese algunha área de miradoiro e incluso crear unha zona de uso lúdico e recreativo, ademais de repoboar con máis especies autóctonas; o noso técnico forestal será quen redacte un proxecto neste sentido”, finaliza.