Unha empresa de Porto do Molle distínguese na excelencia do carbono como material de precisión, resistencia e luxo

Elaborar pequenas pezas, flexes, para os satélites da rede 5G de Estados Unidos, fabricar as coroas dos carísimos reloxos Audemars Piguet, reparar pezas de Ferrari, Alfa Romeo ou Lamborgini, todo utilizando artesanalmente e cunha precisión asombrosa a fibra de carbono, é o centro do negocio da empresa IXO Carbon, que David Regades visitou esta semana para interesarse pola marcha dunha compañía, cliente do Consorcio, e que está instalada nas naves bioclimáticas de Porto do Molle.

Regades conversou con Pedro Sánchez, o director xeral da sociedade limitada, Carbon Composites, que baixo a marca IXO dedícase a fabricación de elementos de fibra de carbono e composites, pezas técnicas de altas prestacións que, ademais de ser xa un referente da máis alta calidade para a industria aeronáutica, tamén elabora artigos de luxo como táboas de skate e longboard, a mellor e máis cara mesa de billar do mundo, espinilleras para os mellores futbolistas cuxos nomes son confidenciais, ou elementos de interiorismo que van desde mobles a vaixelas para clientes exclusivos.

Durante a visita, na que o Delegado estivo acompañado do director da sociedade de capital-risco Vigo Activo, Samuel Juárez e da directora de Promoción Económica de Zona Franca, Rosa Eguizábal, Sánchez Nogueira explicou a súa gran carteira de pedidos para os que, ao ser unha empresa punteira en innovación, nestes momentos precisa dun importante investimento para seguir aumentado equipamentos que lle permitan abarcar máis mercados internacionais.

Aínda que certas pezas nas que se está traballando nas naves bioclimáticas non poden ser mostradas ao público por compromisos de confidencialidade co cliente -normalmente persoas extraordinariamente ricas- a delegación de Zona Franca si que puido contemplar a primeira mesa de billar fabricada en fibra de carbono no mundo, que co nome de Elysium é a primeira mesa que combina unha estrutura interior de aluminio á que se incorpora compoñentes electrónicos industriais da máis alta gama e termínase recubrindo de fibra de carbono con diferentes acabados e cores brillantes para conseguir unha verdadeira xoia que achega unha experiencia de usuario única. Unha gran firma está a esperar a ver terminada a segunda mesa que se está elaborando actualmente en Nigrán (a primeira xa se entregou a un cliente chinés), duns 300.000 euros prezo de venda, para sopesar se aumentan o precontrato de trinta unidades a un número maior destinadas a lofts de super luxo que se van a construír nos principais circuítos de carreiras internacionais.

A nave de IXO en Porto do Molle é a única empresa/taller que está recoñecida en España como reparador autorizado de pezas de, ademais dos mencionados Ferrari, do tamén fabricante británico de automóbiles super deportivos que custan máis dun millón de euros, McLaren, ou dos elegantes vehículos de alta gama, Bentley. Todo iso porque como explicou Pedro Sánchez “conseguimos ser recoñecidos como os mellores do mundo en acabados de fibra de carbono”.

Na fábrica de IXO Carbon Composites, de Porto do Molle, ademais de ver pezas extraordinarias da marca do Cavallino Rampante, Regades tamén demostrou interese polas pezas de carbono para os barcos oceánicos que agora, á gran mestría británica unen a mestría galega nos acabados de carbono das súas rodas de temón.

Nunhas instalacións impolutas, Sánchez Nogueira non se cansa de falar con entusiasmo da súa empresa, integradora de innovación, luxo e artesanía que traballa para un mercado moi reducido que busca excelencia e materiais innovadores “e nese reducido mercado -di- o carbono é unha palabra talismán”. Un material técnico que en Porto do Molle integra o luxo con tecnoloxía para conseguir produtos fortes e duradeiros e dunha beleza futurista.