A Vila de Baiona é un dos 100 destinos turísticos máis sostibles do mundo. Así o recoñeceu a organización internacional Green Destinations, que estes días celebrou a sexta edición das xornadas mundiais de destinos verdes (Global Green Destination Days) que, por motivos sanitarios, celebrouse de forma en liña.
Con este recoñecemento o comité internacional que elabora esta listaxe distingue á vila mariñeira, única na comunidade de Galicia dentro desta clasificación, e valora os esforzos realizados en materias como a protección do medio natural, a transición enerxética e a xestión de residuos ou a implicación social para a sustentabilidade, algo que Baiona comparte co resto de destinos.
O acceso de Baiona a esta lista de destinos medioambientalmente sostibles non é casualidade pois a Real Vila ten no seu haber unha infinidade de recursos naturais destacados como o sendeiro litoral, as sendas fluviais, o espazo natural A Foz do Miñor, ou as súas praias. Tamén se tivo en conta o respecto pola cultura tradicional así como a hospitalidade das súas xentes e por suposto o labor dos establecementos turísticos, hostaleiros e comerciais da localidade que se adheriron ao Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED), que día a día se esforzan enormemente por ofrecer turismo de gran calidade.
Ademais de ser o único destino de Galicia incluído entre estes 100 destinos turísticos sostibles, xunto con Baiona tan só cinco destinos do territorio español entraron a formar parte desta listaxe: Noja (Cantabria), Berguedà (Cataluña), Pallars Jussà (Cataluña), Terres de l’Ebre (Cataluña) e Torroella de Montgrí-L’Estartit (Cataluña).
Non é a primeira vez que a Vila forma parte desta clasificación. De feito, Baiona forma parte destes 100 destinos sostibles desde 2016, renovando este recoñecemento grazas á excelencia nos seus atractivos turísticos, culturais, patrimoniais e ambientais. Desde entón, aparece nesta listaxe que recoñece o traballo en prol da sustentabilidade turística. Este feito situou ao municipio dentro das principais canles de promoción de destinos sostibles, tanto a nivel nacional como internacional.
“Este é un recoñecemento ao traballo que cada día fan os nosos profesionais”, destaca o Alcalde e Concelleiro de Turismo, Carlos Gómez Prado, lembrando así que se valoraron os esforzos realizados en protección ambiental, transición enerxética, xestión de residuos ou a implicación social.
“A sustentabilidade é parte fundamental da estratexia turística de Baiona, que acaba de renovar a súa imaxe de marca, pero tamén é unha responsabilidade que temos como dirixentes e como veciños e veciñas dun enclave natural único”.
Gómez asegurou que “estar entre estes 100 destinos consolida o traballo do Concello e de todos os veciños e veciñas, sen os que non sería posible manter ano tras ano a riqueza natural do noso municipio”.
O comité internacional encargado desta certificación avaliou o traballo que cada territorio realiza en diferentes campos como o impacto do turismo sobre a economía local, e avalía se o territorio certificado conta cunha planificación para seguir avanzando nos seus obxectivos sostibles.
O congreso aglutina, ademais, os destinos e organizacións xestoras ecoturísticas máis importantes do mundo. Convidouse aos 100 mellores participantes a aparecer na Good Travel Guide, o que lles permite contar as súas historias de sustentabilidade aos viaxeiros interesados. Baiona xa dispón do seu propio apartado: https://goodtravel.guide/spain/baiona-green-holiday/

