O PP de Baiona critica ao tripartito por “malgastar” 2.000€ nun dron que nunca se chegou a utilizar

O Partido Popular de Baiona denuncia que o goberno local “malgasta” o diñeiro dos veciños unha vez máis coa compra “improvisada” dun dron que nunca se chegou a utilizar ao non contar con autorización da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Esta aeronave, que segundo anunciou o tripartito “aos catro ventos” serviría para controlar o aforo nas praias durante o verán custoulle a todos os baioneses a friorenta de 2.014 euros.

Por iso, ao PP local resúltalle “lamentable” que o Alcalde, Carlos Gómez, e o seu equipo non se preocupasen de consultar a normativa vixente para o uso profesional dos drons antes de malgastar o diñeiro, posto que o acceso a ela está ao alcance de todos dunha forma sinxela e rápida. Con todo, e unha vez máis, a “falta de interese” e a “nefasta xestión económica” do tripartito levaron a “dilapidar” o diñeiro dos veciños “sen ningún tipo de responsabilidade”. “Non estamos nun momento para malgastar o diñeiro pero parece que a este goberno local dálle igual”, reprochan desde as filas populares.

Financiamento da conectividade escolar das familias

Para o PP local, neste momento tan difícil para os veciños existen outras
prioridades nas que gastar estes 2.014 euros que o goberno local “tirou ao lixo”. Unha delas podería ser o pago da conectividade a, polo menos, unha vintena de familias vulnerables de Baiona ás que aliviaría economicamente deste cargo mensual ao que se ven obrigadas pola pandemia para facilitar a educación online dos seus fillos en situación de confinamento.