A Asociación Veciñal e Cultural “Chandebrito 1807” quere manifestar que non é certo que o Concello de Nigrán contratara ao Club Espeleolóxico Maúxo para realizar a recompilación de topónimos desta parroquia e a sinalización de viarios e espazos públicos segundo os recordos dos lugareños, xa que tal iniciativa partiu deste Club e desta Asociación, quen desenvolveron durante varios meses todo o traballo coa colaboración informativa da veciñanza da parroquia.
A Xunta Directiva afirma que o Concello simplemente realizou, a petición destes dous colectivos, unha achega económica para sufragar parte dos gastos que supuxo a edición impresa do libro publicado da toponimia de Chandebrito, que tamén contou co financiamento da Deputación de Pontevedra e o apoio de dúas empresas da parroquia.
Esta Agrupación, ao igual que o Club Maúxo, presentaron hai case un ano alegacións á aprobación provisional da modificación do inventario municipal de vías públicas, na que se incluían novos camiños coa súa suposta denominación segundo a toponimia tradicional, xa que contiña numerosos erros, alegación que está sen responder a día de hoxe.
Segundo sinalan desde o colectivo, tampouco consta que o Concello sinalizara viarios e espazos públicos cos nomes tradicionais en Chandebrito, xa que foi a Asociación a que realizou e colocou as placas de pedra cos topónimos gravados “sen axuda algunha do Concello nin de outras administracións”. Por outra banda, seguen agardando algún tipo de apoio ou pronunciamento por parte deste á denuncia presentada polos danos á sinalización citada, “apoio que non se produciu polo momento”.
Tamén lembran que hai anos solicitouse a reposición de varios indicadores das vías públicas que se atopaban estragados (Camiño das Pereiras, Estrada de Chandebrito, etc.) e tampouco se substituíron, “e o que é máis grave, nin se contestou a petición, como sucede co resto das instancias presentadas”.
Finalmente, agradecen a colaboración mencionada, que se prestou polo Concello e demais colaboradores nos anos 2017 e 2018, “pero non podemos consentir que se apropien do traballo da veciñanza e das Asociacións sen ánimo de lucro, e moito menos que nin se teña a decencia de responder ás solicitudes de melloras para a parroquia, que ao fin e ao cabo redundan en beneficio de todas as persoas”.

