O Vigo-Rías Baixas despide a tempada na Volta Tajo Internacional

A atípica tempada 2020 marcada pola pandemia da covid-19 conclúe esta fin de semana para o Vigo-Rías Baixas na provincia de Cáceres. A estrutura presidida por José Luis Chamorro será un dos dezaoito equipos Elite-Sub23 que tomará a saída nas dúas xornadas da Challenge Volta Tajo Internacional. O uruguaio Mauricio Moreira estará á fronte da aliñación confeccionada por Marcos Serrano.

O xefe de filas do conxunto flúor, segundo clasificado na clasificación Elite da Real Federación Española de Ciclismo (RFEC), buscará poñer a guinda á súa sensacional campaña. A pesar da suspensión da maioría das probas do calendario asinou catro triunfos, todos eles de prestixio.

O todoterreo charrúa non será a única baza do Vigo-Rías Baixas para buscar o triunfo na clausura do curso. Outros dous corredores elite con pasado no campo profesional, o velocista Noel Martín e o escalador Víctor Etxeberría, forman parte dun sexteto que completan os sub23 Asier González, Manuel Sampedro e Guillermo Mallo.

A primeira edición desta challenge poñerase en marcha o sábado ao mediodía cunha xornada chaira de 124 quilómetros con inicio e meta na localidade de Salorino. Ao día seguinte, a esixencia do terreo aumentará no 156 km que arrancarán e finalizarán en Mata de Alcántara.