Nigrán estrea en Panxón o maior mural da artista Lula Goce na comarca do Val Miñor

A artista de Baiona Lula Goce, internacionalmente recoñecida polos seus impactantes murais, vén de rematar en Panxón a súa maior obra na comarca grazas á iniciativa do Concello de Nigrán. O goberno local contratou este verán a Goce a ilustración dun muro de algo máis de 200 metros cadrados de superficie situado na subida da rúa Gondomar (ao carón do cemiterio, pavillón e Escola Infantil Dunas). Aínda que o municipio xa conta con intervencións súas na fachada do CEIP Carlos Casares ou a recente no Campo Municipal de Condomínguez (ambas tamén contratadas desde o Concello) esta é a súa maior obra e a única a pé de rúa, polo que Nigrán entra de pleno a formar parte do seu circuíto de murais internacionais, xa auténticos emblemas en países como EEUU, México, Israel, Portugal, Italia, Bélxica, Francia…

“É un punto neurálxico de Nigrán, ao carón da praia, o Pavillón Municipal e o centro educativo Dunas de Gaifar; o resultado é espectacular, será un referente máis do noso municipio como xa o son os seus murais no mundo enteiro”, sinala o alcalde, Juan González.

Unha vez máis, como é característico na súa obra, as imaxes de crianzas e natureza mestúranse nun trazo hiper-realista para trasladar á cidadanía unha mensaxe de respecto pola diversidade e amor polo noso medio e as orixes de cada un de nos. “Cada un de nos é único, ese é o noso tesouro, e aprender a coñecernos e respectarnos entre nos é unha das cousas mais marabillosas da vida”, explica Lula, quen deseñou ex-profeso este mural tendo en conta a súa situación, “ten unha mensaxe educativa porque está ao carón dunha escola infantil, e tamén ten un significado de ciclo da vida porque está pegado ao cemiterio”. Así, nel retrata cinco rostros de nenos e nenas onde destaca a súa diversidade étnica e cultural e rodeados de vexetación, tema reiterado na súa obra. “O feito de ser un mural totalmente horizontal e con dúas pezas complicou moito o deseño e o traballo”, admite Lula, quen empregou como técnicas a pintura plástica e o spray.

Lula Goce, nacida en Baiona, licenciouse en Belas Artes en Salamanca na especialidade de Pintura. En Barcelona realizou un Máster de creación artística e o DEA na Facultade de Belas Artes da UB de Barcelona. Estudou Deseño Gráfico na BAU e Ilustración na Escola de Dóaa, ademais de traballar en centros de produción artística como Hangar, en Poblenou, e formar parte do espazos artísticos como Caminal ou A Escocesa. O seu traballo como muralista é recoñecido no mundo enteiro.