Os Terribles de Donas estrean a “Muiñeira de Nigrán”

Onte tivo lugar a emisión da edición virtual do festival organizado pola AF Breogán de Moaña na que faise un dobre memorial: o VIII ao mestre gaiteiro Henrique Otero e o XXXII á fundadora da asociación Lola Diz. Neste contexto Os Terribles de Donas quixeron aportar algo que fixera máis inesquecible este evento, deste xeito buscaron algunha peza que o mestre Otero dedicara ao Val Miñor, o seu espazo natural, e que estivera aínda sen estrear. Aí estaba case agochada a “Muiñeira de Nigrán” agardando nun recuncho como a Harpa de Becquer.

Esta peza é unha das que o Mestre do Fragoso fixo para unha soa gaita, polo tanto xa está publicada dende decembro de 2019 por “Dos Acordes”, pero o certo é que ninguén decidira ata agora poñela no primeiro plano estreando as súas notas. Como outras pezas de Otero ten na data de composición dúas ben separadas (Agosto de 1983 e Xullo de 1991) o que nos da a entender que o inspirado compositor encetouna na primeira pero non a deu por concluída ata moito despois.

O Val Miñor e a comarca de Vigo en xeral foron os lugares que enmarcaron á súa actividade artística e profesional, pero foi en Nigrán (Vilariño) onde Henrique tivo a súa única casa de campo durante uns trinta anos e onde seguramente puido exercer a súa actividade de compositor e gaiteiro dun xeito total.

Os Terribles de Donas fixeron un arranxo á medida do grupo aproveitando as tímbricas posibles e a autenticidade dos irmáns Sousa e gravaron a peza en Medialdea-Belesar, no mesmo lugar onde Henrique ensaiara con eles para o Alalá 116.

Nigrán e o gaiteiro do Fragoso volveron xuntarse unha vez máis grazas a esta gran iniciativa da AF Breogán de Moaña na que tiveron a honra de participar para darlle vida a esta fermosa páxina da inspiración do mestre. Este ano contaron coa participación de Os Carunchos, Meiró, Maghúa, Os Terribles de Donas, O Son Do Río, Gambuzinos, Os Sibailas, Nós Os Outros, Cans de Palleiro, A Seneira, Raigames, e como non, os anfitrións Breogán de Moaña. Como é habitual, esta edición estivo presentada por Maite Durán, e se puideron escoitar tamén uns saúdos dalgúns dos familiares dos homenaxeados.

Os Terribles de Donas, formado por Manolo e Suso Sousa, Xaime Estévez, Jaime Estévez Moreira e Adrián Fernández, están desexando poder estrear en Nigrán esta peza singular tan pronto como sexa posible.