A Deputación aproba 190.000 € para financiar a contratación de 19 persoas en Baiona

O goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres novos recursos para os concellos e entidades sociais da provincia que ascenden a máis dun millón de euros. En concreto, preto de 616.000 euros irán dirixidos ao concellos da Cañiza, Ponteareas, Salvaterra e Baiona, no marco do Plan Concellos 2020, e máis de 409.000€ a 80 entidades de 16 municipios da provincia para programas sociais dirixidos á poboación de maior vulnerabilidade. No caso de Baiona, as achegas aprobadas polo goberno provincial enmárcanse na liña 3 de emprego do Plan Concellos 2020 e ascenden a 189.883 euros para que a vila poida financiar a contratación de 19 persoas traballadoras.

Subvencións para entidades con programas sociais

A Xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou tamén hoxe destinar 409.921 euros a un total de 78 entidades de 16 concellos da provincia para actuacións e proxectos de atención especializada a persoas de especial vulnerabilidade e que, polas súas circunstancias persoais, psíquicas, físicas ou socioeconómicas, se atopen en situación de desvantaxe e vulnerabilidade social.

As entidades que se van beneficiar desta liña de subvencións da Deputación pertencen aos concellos de Cangas, a Guarda, Lalín, Mos, Nigrán, Ponteareas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Sanxenxo, Tomiño, Tui, Valga, Vigo e Vilagarcía de Arousa. Inclúense entre as iniciativas subvencionadas proxectos de promoción da autonomía persoal en persoas con enfermidades mentais, servizo de información e orientación para persoas con parálise cerebral, fomento do emprego, prevención e apoio en hábitos saudables en persoas con TEA, atención integral ao neno/a con patoloxía oncohematolóxica, clases de educación musical e expresión plástica, ou reparto de alimentos.