A Área Sanitaria de Vigo inicia o cribado de 3500 traballadores das residencias e centros sociosanitarios

A Área Sanitaria de Vigo inicia o próximo luns o cribado dun total de 3.500 traballadoras e traballadores de 71 residencias da terceira idade e centros sociosanitarios da área. Esta actuación se enmarca no proxecto da Consellería de Sanidade de cribar a todo o persoal destes centros de Galicia, un total de 15.000 persoas. Así, o laboratorio de Microbioloxía, a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, procesará en tres días -luns, martes e mércores da vindeira semana- , as mostras enviadas de todos os centros galegos.

Nestes cribados, que realizaranse quincenalmente, vaise utilizar a técnica de Pooling con recollida de mostra de saliva, o que posibilita a autotoma. Ademais, contarán cun autorexistro, unha aplicación móbil cunha identificación unívoca que a través dun código rexistra cada vez que o profesional se realiza a mostra.

Por este motivo, no dia de hoxe desenvolvéronse dúas sesións formativas -presenciais e on line- con representantes das residencias da área viguesa, para explicarlles o procedemento, darlles indicacións para o correcto desenvolvemento de todo o proceso, e aclarar as dúbidas que puideran presentar. Ademais, se lles fixo entrega do kit (tubito de recollida da mostra) que deben entregar ao seu persoal.

Esta formación correu a cargo da subdirectora de Prestacións Farmacéuticas, Isabel Rey; da subdirectora de Enfemaría, Mar de la Peña; e da microbióloga Sonia Rey.

Pooling, ferramenta diagnóstica de gran eficiencia

A xerencia da Área sanitaria de Vigo puxo en marcha, no pasado mes de maio e por primeira vez en España, a técnica “pooling” que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns –agora se realiza cunha vintena- multiplicando a súa capacidade de avaliación.

Consiste en agrupar as mostras de 20 persoas diferentes e procesalas xuntas, como se fosen as dun solo individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, se infire que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se habería aforrado o tempo e capacidade que conlevaría o estudo individual de cada unha das mostras orixinais.

Se, pola contra, o resultado global é positivo, tense que separar as mostras para volvelas a procesar, ou ben dividendo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.

Este sistema é unha ferramenta diagnóstica de gran eficiencia que permite vixiar e controlar a circulación do virus en áreas estratéxicas. Isto é, en vez de esperar a que aparezan traballadores con síntomas, realízase unha acción proactiva de busca e identificación daqueles asintomáticos, para controlar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade, e garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante.

Polo tanto, resulta moi eficaz para testar a grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais.