Persoas con diversidade funcional farán o Camiño acompañadas por cabalos de pura raza galega

Comeza a conta atrás para o inicio do proxecto “Do Mosteiro a Santiago”, a través do que varios grupos de persoas con diversidade funcional farán varios tramos do Camiño Portugués da Costa acompañados de cabalos de pura raza galega. Trátase dunha iniciativa de Finca Moreiras organizada polo Concello de Oia e cofinanciada pola Xunta de Galicia, dentro do programa “O teu Xacobeo” da Consellería de Turismo.

A próxima semana dará comezo esta innovadora proposta, que combina a posta en valor do Camiño e o cabalo autóctono coa creación de oportunidades de lecer para persoas con diversidade funcional. Entre o luns e venres, varios grupos de mozos e mozas usuarias das asociacións Avelaíña, Anela, Aceesca, Juan María e San Xerome percorrerán diferentes tramos da ruta xacobea entre Oia e Santiago, sempre acompañadas polos cabalos de pura raza galega de Finca Moreiras.

Segundo explicou este xoves o responsable do proxecto -e tamén responsable de Finca Moreiras-, Adrián Martíns, trátase dunha iniciativa que “pon en valor moitos recursos” ao tempo que axuda a dar visibilidade e oportunidades “aos que normalmente non as teñen”.

Martíns explicou que a raza de cabalo autóctono caracterízase por ter un temperamento moi tranquilo que o fai axeitado para o desenvolvemento da hipoterapia. De feito, a actividade busca aproveitar esta “capacidade terapéutica” para “poder axudar ás persoas que normalmente non teñen tantas oportunidades” e facilitarlles a posibilidade de vivir a experiencia do Camiño contando co acompañamento destes animais.

Compoñente social

O proxecto foi presentado na mañá deste xoves en Oia, nun acto no que participaron representantes da organización, as asociacións implicadas e a empresa patrocinadora Civis Global. A alcaldesa, Cristina Correa, destacou que se trata dunha iniciativa “moi ilusionante” posto que é “capaz de unificar a posta en valor do patrimonio local e a cultura” cunha compoñente social que permitirá que os grupos de persoas usuarias “gocen da natureza, dos animais e do Camiño”.

A rexedora local tamén lembrou o contexto actual derivado da pandemia da covid-19 e indicou que a ruta desenvolverase adaptándose ás restricións e aplicando as medidas necesarias para garantir a seguridade das persoas participantes.

En nome das asociacións participantes, o xerente de San Xerome, Feliciano Valcárcel, destacou que esta proposta “é moito máis que facer o Camiño de Santiago”. “Vemos unha oportunidade de respecto polo contorno e polos nosos animais. E para nós tamén é unha oportunidade para pasalo ben e participar nunha actividade moi motivadora”, asegurou.

Proxecto

O percorrido en 5 etapas que se vai desenvolver ao longo da próxima semana é unha das actividades incluídas no proxecto “Do Mosteiro a Santiago”, que ten entre os seus obxectivos poñer en valor a historia do concello de Oia en torno ao cabalo de pura raza galega.

Dentro desta iniciativa tamén se inclúe a edición dun pequeno vídeo que documente a saída, distintos tramos do Camiño e a chegada a Compostela, así como as experiencias vividas polas persoas participantes.