Gondomar suspende as actividades culturais previstas para esta fin de semana

O Concello de Gondomar informa que ante a evolución que está a rexistrar o número de contaxios da Covid-19 nos últimos días e atendendo ás indicacións recollidas na orde do 14 de outubro publicada no Diario Oficial de Galicia, a Concellería de Cultura suspende as actividades previstas para esta fin de semana. Así, cancélanse os espectáculos “Contos de papel” e “Contos de Recreo”, previstos para o venres e sábado respectivamente no Auditorio Municipal Lois Tobío, e o concerto da Agrupación Musical de Vincios que se ía celebrar o domingo coa colaboración de Espazo Lectura na Praza Paradela. “A colaboración e implicación de todos e todas nesta loita é fundamental para frear o avance desta nova vaga da pandemia”, sinalou o alcalde, Paco Ferreira.