Alberto Meira, a por un novo podio no Rallye San Froilán

Despois de sete meses de parón deportivo provocado pola pandemia de Covid-19, interrompidos coa súa participación na Subida a Santa María de Oia onde conseguía o triunfo en carrozados, Alberto Meira chega á segunda cita do Campionato Galego de Rallyes con ganas de continuar a boa senda de resultados. O Rallye Recalvi San Froilán será unha cita clave para o certame, pois ao reducirse o calendario de probas, a regularidade é fundamental na loita polo título autonómico.

Tras o podio logrado na Coruña fronte a rivais de moito nivel, os postos de honra na proba lucense volverán estar moi disputados, con outros 9 vehículos da clase R5 e algún N5 que poida estar á expectativa se a ocasión é favorable.

Meira móstrase optimista ante a cita desta fin de semana: “Gardamos bo recordo do Rallye Recalvi San Froilán, pois aquí logramos a vitoria o ano pasado no que foi unha gran inxección de moral para o equipo. As especiais son en xeral moi rápidas, repetíndose o mesmo trazado do ano pasado en Outeiro de Rei e Friol, mentres que o tramo do Corgo disputouse na edición 2015. Debemos coller confianza e ser competitivos desde o primeiro quilómetro para non perder o tren de cabeza”.

O xa establecido esquema de tres tramos a tres pasadas foi o escollido pola organización, con condicións de frío pero con probabilidade mínima de choiva. Ademais, o inicio da carreira será clave, coa primeira especial disputándose totalmente de noite.