A volta a España contra o cancro do Reto Pelayo Vida recala no Monte Real Club de Yates

Esta tarde chegou ao Monte Real Club de Yates de Baiona o Reto Pelayo Vida – Volta a España 2020, un proxecto solidario que ten como obxectivo dar visibilidade ao cancro na muller e á importancia de practicar deporte como parte da súa recuperación. Unha tripulación formada por 5 mulleres que superaron un cancro de mama son as protagonistas desta proba de superación persoal, fortaleza psicolóxica, valor e optimismo.

Queren lanzar unha mensaxe de esperanza ás mulleres que padeceron ou padecen a enfermidade, demostrándolles que, tras superar o cancro, pódese retomar a vida con normalidade. Buscan, así mesmo, concienciar da importancia de investir en investigación contra o cancro e da necesidade de axudar a todas as mulleres que actualmente se atopan na situación que elas pasaron no seu día.

As 5 expedicionarias do Reto Pelayo Vida – Volta España 2020 son Marián, de Elxe; Lorena, de Cartaxena; Fátima, de Xerez; María, de Barakaldo; e Nuria, de Teruel. Saíron hai días desde Bilbao e navegarán ata Barcelona. Tras abandonar o Cantábrico, teñen por diante varias etapas no Atlántico e unha vez atravesado o Estreito finalizarán o seu percorrido no Mediterráneo, en Barcelona.

Esta tarde, antes de continuar roteiro, a tripulación fixo unha parada no Monte Real Club de Yates, onde foron recibidas cunha cálida benvida polo persoal do club baionés.