Segundo os datos publicados este martes pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, Nigrán pasa a nivel 1 de alerta, o que significa segundo o semáforo de cores que utiliza a Xunta que nos últimos 7 días foron confirmados por PCR entre 7 e 14 casos. Baiona e Gondomar continúan en nivel de alerta 0, con menos de 7 casos confirmados por PCR nos últimos 7 días.
Na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.510, deles 745 son da área da Coruña, 477 da de Lugo, 1.563 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 496 da área de Vigo, 624 da de Santiago, e 136 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.260 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.123 persoas curadas, rexistrándose 790 falecementos. Nas últimas horas rexistráronse dous novos falecementos en centros hospitalarios, trátase de dous homes de 80 e 88 anos, que estaban ingresados no Hospital de Verín. Ambos presentaban patoloxías previas.
O número de PCR realizadas é de 556.927.
Na xornada de onte rexistráronse dous falecementos en centro residencial. Trátase dunha muller de 89 anos na residencia de maiores dos Gozos (Pereiro de Aguiar) e un home de 88 anos na residencia de maiores Val de Monterrei. Ambos presentaban patoloxías previas.
Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

