CIMAlab poderá realizar homologacións de vehículos a nivel europeo na súa nave de Porto do Molle

O alcalde de Nigrán, Juan A. González, visitou onte acompañado do edil de Mobilidade e o de Seguridade as novas instalacións de CIMAlab en Porto do Molle, único laboratorio acreditado en Galicia para a legalización de vehículos reformados e, desde hai escasas semanas, autorizado tamén para realizar homologacións de vehículos a nivel europeo. En concreto, foi acreditado como Servizo Técnico Europeo de categorías A, B, C e D, para a Comisión Europea e a Comisión Económica das Nacións Unidas para Europa (Comité de Transporte Terrestre), de acordo cos regulamentos europeos e internacionais.

“Contar con esta empresa de referencia a nivel nacional e agora tamén europeo é un dobre dobre orgullo para Nigrán, xa que é importante destacar que o seu artífice, o investigador José Antonio Vilán, é un veciño nativo de Camos, compañeiro meu no IES Val Miñor”, sinalou o rexedor na visita a este nova nave que, cun investimento de 2,3 millóns de euros e 1.800 metros cadrados, cuadriplica en espazo á anterior, tamén en Porto do Molle.

“Esta certificación europea ábrenos moitos horizontes, o Covid-19 ralentizou todo pero confiamos en que pase este período e incluso chegar a duplicar o persoal nos vindeiros anos”, explicou ao rexedor José Antonio Vilán ao rexedor, a quen amosou todas instalacións, deténdose especialmente na zona onde se instalará unha catapulta inversa para crash-test (ensaios de choque) que lles evitará desprazamentos a outros centros e lles axilizará moito o seu traballo con firmas como Rodríguez López Auto, unha gran empresa carroceira ourensana líder na fabricación de ambulancias en España, vehículos que requiren dunha homologación exhaustiva.

Actualmente CIMAlab dispón de 25 empregados entre enxeñeiros e técnicos de automoción, realizando traballos en toda España e con grandes expectativas agora para facelo en toda Europa.