
O Vigo-Rías Baixas aspira a facer historia para Galicia este domingo na emblemática chegada ao Santuario da Virxe de Arrate. A estrutura presidida por José Luis Chamorro lidera a clasificación elite da Copa de España con Mauricio Moreira e o corredor uruguaio mantén opcións matemáticas de asaltar o primeiro posto da táboa absoluta na última cita do certame estatal, o Memorial Valenciaga. De conseguilo, o conxunto flúor lograría un éxito xamais logrado por un equipo do pelotón galego.
Moreira recuperou a camisola de líder Elite o pasado domingo na Clásica Cidade de Torredonjimeno. Despois de catro probas disputadas, o charrúa acumula 189 puntos. Supera en nove ao segundo clasificado na táboa elite, Miguel Ángel Ballesteros (Caja Rural), e en catorce ao terceiro, Pablo Alonso (Gomur).
As diferenzas tamén son mínimas na clasificación absoluta. Encabézao o sub23 David Martín (Kometa) con 215 puntos, un máis que o seu compañeiro de equipo Vicente Hernáiz e con cinco de vantaxe respecto a Jordi López (Lizarte). Así pois, os seis primeiros da xeral atópanse separados por unha estreita marxe de 40 puntos e o gañador do Memorial Valenciaga sumará 120.
A 49ª edición da prestixiosa clásica guipuscoana terá valor dobre esta tempada porque pode deixar vistos para sentenza as dúas clasificacións Elite da Real Federación Española de Ciclismo. O Vigo-Rías Baixas domina a clasificación anual por escuadras e a individual con Moreira.
Para poñer o broche de ouro a unha excepcional campaña, o director deportivo Marcos Serrano rodeará ao seu xefe de filas dun bloque de seis sub23: Joan Nicolau, Iñigo Rodríguez, Guillermo Mallo, Asier González, Manuel Sampedro e Jon Tena.
A esixencia no trazado vasco será máxima, con catro portos de montaña como antesala á archicoñecida ascensión final. O percorrido de 153 quilómetros arranca en Eibar cun terreo favorable previo ao primeiro porto, o Alto de Itziar de 3ª categoría, situado a tan só 24 km da saída. No km 55, espera o Alto de Aia, tamén de 3ª, onde os ciclistas chegarán a través dun bonito ida e volta xunto ás costas do Mar Cantábrico. O Alto de Ixua, de 1ª categoría e situado a falta de 33 km de meta, podería seleccionar a carreira, a cal, nada máis baixar este porto, enlazará co Alto de San Miguel, de 3ª, paso previo á subida ao Alto de Usartza, de 1ª, e a posterior chegada a Arrate.