O proxecto “Un Nigrán para todos”, referente nacional na Universidade de Granada

O Concello de Nigrán presentou na mañá deste xoves o proxecto “Un Nigrán para todos” nas primeiras xornadas da Universidad de Granada sobre discapacidade, diversidade e igualdade na industria da música. A través de videoconferencia, o alcalde, Juan A. González, participou nunha mesa redonda dedicada ao proxecto do municipio “Un Nigrán para todos” e “Invencibles” da banda almeriense Nixon, considerados ambos referencias nacionais en visibilización. El Langui, Nixon, Rakel Arymux, Toni Romero (teclista de Chambao e Antílopez) ou actuacións en directo (Laura Fernández, cantaora flamenca), charlas e mesas redondas centran estas xornadas semipresenciais que arrancaron onte en Granada e finalizan esta noite.

O rexedor desgranou, unha a unha, as iniciativas de inclusión levadas a cabo en Nigrán a través do grupo interdisciplinar “Un Nigrán para todos”, sendo a máis popular no ámbito cultural a adquisición de 5 mochilas vibratorias para que as persoas xordas sintan a música. Xunto a el, compartiron mesa Miriam Aller, directora de Entresignos e membro de “Un Nigrán para todos”; un portavoz do club de rugby inclusivo Ura Clan; e Alejandro Sánchez Navarro, cantante do grupo almeriense Nixon que vén de editar o tema “Invencibles”, un proxecto con fins benéficos na que participa Shuarma (Elefantes), Gabriel de la Rosa (Shinova), Adrián Gutiérrez (Nunatak), Delaporte, Rayden o Delafé.

“Hai tempo que a Universidade de Granada se puxera en contacto con nos porque lles interesaron moito as mochilas vibratorias e quixeron coñecer a nosa experiencia para valorar se as adquirían. A raíz disto interesáronse moito no noso proxecto de ‘Un Nigrán para todos’ e nos invitaron a estas xornadas que, finalmente, foron semipresenciais por seguridade sanitaria”, explica o alcalde. “Estamos moi orgullosos de ser unha referencia nacional en temas de inclusión e nos gustaría moito que o proxecto de ‘Un Nigrán para todos’ se extendese a cada localidade”.

“Un Nigrán Para Todos” é un grupo de traballo interdisciplinar do Concello de Nigrán formado en 2015 por profesionais dedicados á mellora da calidade de vida das persoas con diversidade e que propón accións encamiñadas a garantir a accesibilidade universal en Nigrán, prestando especial atención ás barreiras sensoriais, as máis “invisibles” para a sociedade.