Ferreira garante que o novo PXOM protexerá a Serra do Galiñeiro como Espazo Natural

FOTO: PLATAFORMA POLA DEFENSA DA SERRA DO GALIÑEIRO // Serra do Galiñeiro.

O goberno municipal de Gondomar garantirá no seu novo PXOM a máxima protección do Monte da Serra do Galiñeiro como Espazo Natural. O alcalde, Paco Ferreira, desmente á Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro e ínstalles a que lean con detemento e exactitude o Informe de Avaliación Ambiental, “un documento complexo e técnico, de aí seguramente o seu descoñecemento sobre o mesmo, o que supuxo crear unha alarma social sobre uns feitos que non son certos”.

“Este Goberno é o primeiro de todos os anteriores en darlle a máxima protección ambiental ao Monte Galiñeiro, tal e como se merece. Afastado de eólicos e de escavacións de terras raras, etc…, e así queremos que permaneza por moitos séculos”, dixo o alcalde.

Ferreira asegura que o Informe de Avaliación Ambiental remitido á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia o único que menciona respecto ao parque eólico (DIE) no seu apartado 6, ao obxecto de dar cumprimento ao art. 18 da Lei 21/2013: “da obrigación de recoller no mesmo todas as incidencias previsibles que poden ter sobre o territorio municipal os plans sectoriais e territoriais concorrentes…”. Por iso é polo que nese apartado sexa de obrigado cumprimento mencionar os plans existentes no municipio, e entre eles, o (famoso) Plan Sectorial Eólico de Galicia (e como o Plan Hidrolóxico, Axenda21, Plan de Xestión de Residuos, Plan de Ordenación do Litoral, etc…).

“Non existe pois, contradición algunha no documento como sinala a Plataforma, e non é certo que, este goberno, deixe o Monte Galiñeiro sen a máxima protección ambiental (Parque Natural) como se pretende facer crer á cidadanía. Este goberno tivo, ten e terá sempre claro que, A Serra de Galiñeiro, é, e será sempre, un espazo natural a conservar e a protexer. Ninguén o dubida, salvo Feijóo, que foi o artífice de aprobar un Plan Sectorial Eólico especulativo e daniño no Monte Galiñeiro, unha xoia natural a preservar, que pretende encher de muíños de vento, cousa que non lle permitiremos desde Gondomar, porque estamos dispostos, todos, en dar a batalla ata o final e conseguir que O Galiñeiro sexa Espazo Natural”, concluíu o alcalde, Paco Ferreira.