Baiona traslada á Xunta a necesidade de renovar a ETAP de Baíña

Carlos Gómez Prado, alcalde de Baiona, trasladou este mércores a Marta Fernández Tapias, delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, as necesidades máis urxentes da localidade, entre as que se atopa a renovación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Baíña, a substitución da estación de bombeo de Santa Marta e o INUNGAL.

Unha das principais preocupacións do equipo de goberno en relación coa actividade da administración autonómica está a renovación da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Baíña. “Un proxecto que urxe, porque a Xunta impuxo xa tres multas coercitivas pola calidade da auga, que aínda que se mantén potable non alcanza os estándares óptimos ao quedar obsoleto o sistema de potabilización do ano 1992. Estamos a buscar vías de financiamento”, apunta o Alcalde.

Marta Fernández Tapias tamén recolleu a demanda do Concello de substitución da estación de bombeo de Santa Marta. Augas de Galicia deberá renovar a instalación e duplicará a súa capacidade de condución das augas fecais cara á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Cabo Silleiro para evitar posibles verteduras e alivios.

En canto ao INUNGAL, conversaron acerca do plan especial de protección civil ante o risco de inundacións no municipio. A visita culminou co compromiso de ambas as dúas partes de traballar conxuntamente, coas máximas de “colaboración e dispoñibilidade”.