Baiona aposta por un acordo amigable coa Xunta para executar a Fase 2 da humanización de Sabarís

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, aproveitou o encontro deste mércores coa nova delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández Tapias, para tratar a resolución do convenio da denominada Fase 2 da humanización de Sabarís, o que provocou a perda dunha subvención de preto de 1,2 millóns de euros destinados á remodelación da Praza Victoria Cadaval e a súa contorna.

O rexedor informou á delegada que “a pesar de ter vixencia ata o 31 de decembro de 2020, o pasado 1 de xullo a Xunta de Galicia desestimou o recurso potestativo interposto polo Concello de Baiona ante a resolución do convenio de colaboración para a denominada Fase 2 de humanización de Sabarís, resolución adoptada unilateralmente pola Xunta alegando incumprimento das obrigacións por parte do Concello, cando a realidade é diametralmente contraria”.

Esgotadas as vías administrativas, o Goberno Local adoptou a decisión de recorrer perante o xulgado do Contencioso a resolución do convenio ante o que supón “unha clara vulneración dos principios de confianza lexítima e lealdade institucional”. A pesar de todo, desde o Concello de Baiona apostan por vías alternativas que deixen ao carón os tediosos procedementos legais en vistas de chegar a un acordo amigable.

Segundo explicou o edil de Urbanismo, Víctor Manuel Muñoz, o acordo rompeu ante a imposibilidade por parte do Goberno Local de verificar a dispoñibilidade de terreos necesaria para poder comezar cos traballos da contorna de Praza Victoria Cadaval ao carecer das dúas últimas revisións do proxecto. “Desde secretaría resultounos imposible tramitalo porque, entre outras, non tivemos a posibilidade de acceder ás autorizacións de Augas de Galicia, Patrimonio e Costas», engade.

O Alcalde informou ademais de que está pendente de cita para manter un encontro coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para tratar o tema.