Nigrán retirou máis de 500 niños de velutina e repartiu gratis 1.200 trampas

O Concello de Nigrán constata a reducción da presenza de vespa velutina na comarca tras retirar persoalmente o edil de Sanidade máis de 500 niños nos últimos tres anos e repartir gratuítamente 1.200 trampas entre a veciñanza. Así, se no ano 2018 a súa Concellalía retirou 270 niños, no 2019 foron 175 e neste ano lévanse 81 (nos vindeiros días, eliminaranse unha ducia máis, sendo 93 a totalidade dos que se teñen notificado ata a data).

“Constatamos unha reducción de niños porque levamos xa 6 anos desde o Concello enriba desta plaga. Non recibimos ningunha axuda de Xunta e, aunque eles teñen esta competencia a través do SEAGA, non podemos cruzarnos de brazos ante a súa lentitude e inacción”, explica Alfonso Vázquez, edil de Sanidade quen chegou a contabilizar durante a primavera 2.000 raíñas atrapadas en só 8 das súas trampas. “Cada raíña é un futuro niño, pois hai que ter en conta que desde o Concello repartimos gratuítamente entre a veciñanza 1.200 trampas desde 2019 co seu correspondente líquido atraínte, iso evita miles e miles de niños”, indica o edil, quen subliña que as trampas deben colocarse a partires de marzo, “e o líquido atraínte, aínda que tamén o regalamos, pódese fabricar caseiramente con 1 litro de viño tinto, 1 litro de cervexa e 1kg de azúcar pechado nun bote hermético”.

O Concello de Nigrán adquiriu no 2017 unha pértiga que permite bombear veleno aos niños situados ata a 25 metros de altitude, constituíndo un elemento de traballo indispensable para Alfonso Vázquez e o voluntario Jesús Barros. Cando estes niños están situados a unha altura superior ou preto dun acuífero, empréganse petardos autorizados que o destrúen por completo. “En xeral é preferible optar por petardos nesta época porque garanten mellor a destrución total de todos os exemplares do niño”, engade.

A parroquia de Camos, polas súas condicións, é a que máis niños rexistra no municipio, con 17 sacados neste ano, seguida por San Pedro con 15, Panxón con 14, Nigrán con 12, Parada e Priegue con 11 respectivamente e Chandebrito con 2. “As condicións de humidade e de abrigo en Camos fan que sexa a parroquia onde sempre atopamos máis niños, a velutina busca eses lugares”, incide.

“A tenacidade e voluntariedade de Alfonso Vázquez é a que explica que en Nigrán se estea a controlar e reducir a presenza da avespa asiática, a súa dilixencia fai que cada semana reciba directamente chamadas de veciños que avistaron algún niño ou aos que Seaga nos lles deu solución”, reflexiona Juan González, alcalde de Nigrán.